Pestanas principais

A Fundación Ingada realiza o próximo 2 de xullo a oitava edición da andaina “Camiño da Diversidade”

Luns, 27 de xuño de 2022

Dende o ano 2015, a Fundación Ingada (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados) organiza o “Camiño da Diversidade”, unha andaina solidaria para visibilizar e concienciar sobre o trastorno por déficit de atención e hiperactividade, así como a diversidade funcional en xeral. A marcha partirá dende Trasmonte e percorrerá parte do Camiño de Fisterra-Muxía e o Portugués, pasando polos concellos de Ames e Santiago para rematar na praza do Obradoiro. Premendo nesta ligazón pódese realizar a inscrición no evento, cun custo de 3 euros, que se entregarán na saída.

A Fundación Ingada, a través da Concellaría de Benestar Social e en colaboración coa Concellaría de Turismo, informa de que vai realizar a súa andaina solidaria “Camiño da Diversidade”, que na súa oitava edición pasará polos concellos de Ames e de Santiago. O percorrido comezará ás 9:00 horas do próximo sábado 2 de xullo, dende a Igrexa de Santa María de Trasmonte, preto ao campo da festa. Alí as persoas que forman parte da fundación lerán unha serie de poemas e interpretarán o himno galego, ao que se sumará un monólogo que terá lugar antes do comezo da saída.

Unha vez iniciada a ruta, que pasa polo Camiño de Fisterra-Muxía en sentido a Santiago, camiñarase ata o restaurante Alto do Vento, onde se fará unha pausa para o xantar e outras actividades de entretemento. Cada persoa participante levará a súa propia comida e bebida, que non están incluídas na actividade.

A continuación, o grupo de participantes desprazarase en autobús por quendas á Casa da Cultura do Milladoiro, onde se continuará á andaina polo Camiño Portugués, pasando pola Rocha Vella ata chegar á praza do Obradoiro, en Santiago. Alí porase fin á xornada solidaria, lendo o Manifesto pola Diversidade.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luisa Feijóo, animou á veciñanza a participar na andaina, resaltando que “a diversidade é un valor”. “Quero destacar a importancia que ten o labor da Fundación Ingada, tanto no seu traballo diario coas familias, de información e apoio, como o que desenvolven cos rapaces e rapazas. Agradecerlles que escolleran o noso concello para facer esta VIII edición, con esta etapa do Camiño Fisterra - Muxía e despois co último tramo do Camiño Portugués, dando así visibilidade e sensibilizando sobre o TDAH, e deixando ben claro que non é sinónimo de incapacidade, nin de ter unha intelixencia diminuída, senón que mesmo pode coincidir con altas capacidades, e mostrando a necesidade de integración”.

Inscrición na actividade

As inscricións na actividade xa están abertas, cun custe de 3 euros que se pagarán na saída, en Trasmonte. Para anotarse na andaina solidaria, pódese premer nesta ligazón e cubrir o formulario. Ademais, dende a organización indican que están dispoñibles camisetas verdes da Fundación Ingada, dispoñibles de xeito opcional a través do mesmo formulario por 3 euros máis.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "De Ames a Santiago polo Camiño da Diversidade"

"Camiño da Diversidade dende Trasmonte o día 2"

A Fundación Ingada realiza o próximo 2 de xullo a oitava edición da andaina “Camiño da Diversidade”

Multimedia

  • A Fundación Ingada realiza o próximo 2 de xullo a oitava edición da andaina “Camiño da Diversidade”