[09-08-2016] A Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA) organiza a vindeira semana nas instalacións da entidade da Rede Eusumo – Fundación Feiraco, situadas na Ponte Maceira (Agrón), o obradoiro “Achegándonos ao conflito. Habilidades sociais para a súa xestión”, que se desenvolverá entre o 16 e o 19 de agosto, en horario de 9:30 a 14:30 horas. Trátase dun obradoiro gratuíto que ten unha duración de 20 horas de formación. As inscrición pódense realizar en www.ugacota.coop, enviando un correo electrónico ao enderezo rosaab@ugacota.coop ou chamando ao numero de teléfono 981 575 578.
A vindeira semana a Fundación Feiraco acollerá un novo obradoiro formativo, neste caso sobre a resolución de conflitos, que se denomina Achegándonos ao conflito. Habilidades sociais para a súa xestión. Esta actividade desenvolverase entre os días 16 e 19 de agosto, en horario de 9:30 a 14:30 horas. Dende a entidade organizadora destacan que este é o terceiro obradoiro que se leva a cabo en Ames, na Fundación Feiraco, durante este ano.
Os obxectivos que se perseguen coa realización deste obradoiro é comprender que o conflito é algo natural que está presente na nosa vida; coñecer as diferentes fontes das que xurde o conflito; coñecer e experimentar os diferentes estilos de afrontamento do conflito; e achegarse a xeitos construtivos de xestionar as situacións de conflito. Esta actividade formativa está dividida en catro módulos: o conflito está no aire; as fontes do conflito; estilos de resolución de conflitos; e pautas para a xestión das situacións conflitivas.
Contidos do obradoiro
Durante a primeira sesión farase a presentación de Ugacota e da Rede Eusumo. Tamén se abordará que é o conflito, falarase das emocións e do conflito, así como dos aspectos positivos do conflito e das consecuencias do non afrontamento do conflito. Na segunda xornada tratarase de saber de onde xurde o conflito e como afrontar esta situación dependendo da orixe deste. Ademais, impartiranse diversas habilidades de comunicación.
A terceira sesión dedicarase a coñecer os estilos de resolución de conflito, as estratexias de gañar-perder e de gañar-gañar. Outros dos puntos que se abordará é a busca creativa de solucións aos conflitos. Na cuarta e última xornada tratarase a actitude que hai que adoptar de cara a resolución do conflito, as competencias que debemos desenvolver, e as preguntas as que debemos dar resposta para avanzar na solución do conflito.
Na impartición deste obradoiro emprégase unha metodoloxía activa e participativa coa utilización de medios audiovisuais e actividades prácticas de reflexión e debate. Trátase de experimentar, dende a accións, sobre os contidos tratados nas sesións. A acción formativa configúrase en 4 sesións de 5 horas de duración cada unha. O equipo docente está formado por persoal técnico con contrastada experiencia en asesoramento cooperativo e docencia.
Este obradoiro impartirase, sempre e cando, se consiga un grupo mínimo de 12 persoas. Como máximo ofrécense 20 prazas. As inscrición pódense realizar en www.ugacota.coop, enviando un correo electrónico ao enderezo rosaab@ugacota.coop ou chamando ao número de teléfono 981 575 578.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Obradoiro de habilidades sociales de Ugacota en la Rede Eusumo-Feiraco"