Pestanas principais

A Fundación Celta de Vigo organiza un campus de verán en Ames do 28 de xullo ata o 1 de agosto

Mércores, 02 de xullo de 2014

[02-07-2014] O concello de Ames acollerá por primeira vez un campus de verán organizado pola Fundación Celta de Vigo, que se desenvolverá entre o 28 de xullo e o 1 de agosto no campo municipal de fútbol do Milladoiro. O campus está dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos. Este mércores pola mañá, no Pazo da Peregrina, celebrouse a rolda de prensa de presentación deste evento deportivo. Nesta presentación participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, e un directivo do Milladoiro SD, Óscar Vázquez. As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste campus de verán.

Programa do campus de verán
O campus de verán da Fundación Celta de Vigo desenvolverase entre o 28 de xullo e o 1 de agosto no campo municipal do Milladoiro. Este evento deportivo realizarase de luns a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o venres 1 de agosto de 10:00 a 18:00 horas, debido a que durante a última xornada do campus haberá una festa con comida incluída, entrega de diplomas e adestramento compartido cos pais/nais dos participantes. A cada neno/as que participe neste actividade entregáraselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que estará composto por uns calcetíns, unha camiseta e un pantalón.

As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo. O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos recibirán unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Todos os días os participantes disporán dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas.

O prezo deste campus é de 130 euros. Os rapaces e rapazas empadroados no Concello de Ames e os que xoguen no Milladoiro SD disporán dun prezo especial de 115 euros. Para inscribirse haberá que cubrir a ficha de inscrición que se pode obter na páxina web do Concello de Ames (www.concellodeamers.org) ou na web da Fundación Celta de Vigo (www.fundacioncelta.com). Unha vez cuberto o impreso de inscrición haberá que envialo por correo electrónico ao enderezo info@fundacioncelta.com. No caso de que o pagamento se realice mediante transferencia bancaria haberá que enviar o xustificante de ingreso a este mesmo enderezo de correo electrónico.

O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo poñen en marcha o primeiro campus de verán de fútbol, que se desenvolve neste municipio, co obxectivo de que os nenos e nenas amienses practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Este campus estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e levarase a cabo nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta iniciativa xurde con motivo do 10 aniversario da Peña Celtista do Milladoiro. Esta entidade está organizando varias actividades para conmemorar o seu décimo aniversario e unha delas é este campus de verán, que organiza a Fundación Celta de Vigo, e que conta coa colaboración do Concello de Ames e do Milladoiro SD.

Na presentación deste campus de verán participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, e un directivo do Milladoiro SD, Óscar Vázquez. Este é un importante campus xa que o Real Club Celta de Vigo recibiu este ano o premio especial de apoio á canteira, que concede Fútbol Draft, unha entidade que conta co apoio activo de tódalas institucións do fútbol nacional.

O director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, destacou que “a Fundación Celta de Vigo é o nexo de unión entre o club e a sociedade. Pretendemos achegar os valores do deporte á sociedade e, ademais, empregar o deporte como ferramenta transmisora de valores como a superación, o traballo en equipo, o compañeirismo e a creatividade. Deste xeito, nos campus de verán impárteselle a todos os nenos/as unha formación deportiva a través de valores tan importantes como a educación. Pero, ademais, a Fundación do Celta de Vigo ocúpase da integración de persoas adultas que necesitan apoio”.

“Durante a celebración dos campus pretendemos que os rapaces gocen ó máximo da súa experiencia e o mesmo tempo se formen como persoas. Para iso contamos con adestradores do máis alto nivel, procedentes da canteira do Real Club Celta e que, ademais de ter unha gran capacidade formativa, contan cunha innegable experiencia no ámbito da formación deportiva. Os campus de verán son sen dúbida unha das apostas máis fortes da Fundación Celta dentro da súa filosofía e co desexo de seguir creando o futuro celeste”, apuntou Germán Arteta.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, doulle as grazas “á Fundación Celta de Vigo por confiar no Concello de Ames para organizar este evento deportivo e a Peña Celtista do Milladoiro por ter a iniciativa de que este evento se desenvolva en Ames”. O rexedor municipal tamén destacou “o traballo de base que realizan os clubs amienses, entre eles o Milladoiro SD, que realiza un gran traballo de base coas categorías inferiores”. “Quero animar a todos os nenos e nenas de Ames e dos concellos limítrofes a que participen nesta campus de verán”, rematou dicindo Santiago Amor.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Fundación Celta de Vigo organiza un campus de verán en Ames"