[11-06-2015] Este xoves, 11 de xuño, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu a presentación da segunda edición do campus de fútbol que organiza a Fundación Atlético de Madrid no concello de Ames. Nesta presentación participaron a concelleira en funcións de Deportes, Ana Ruso, e o coordinador dos campus da Fundación Atlético de Madrid en Galicia, Héctor Antelo. Esta iniciativa desenvolverase no campo municipal de fútbol de Bertamiráns do 6 ao 11 de xullo, en horario de 10:00 a 14:30 horas. Trátase dun evento que está dirixido a nenos e nenas de 5 a 16 anos. Ofértanse un total de 70 prazas. As inscricións permanecerán abertas ata o día 4 de xullo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste campus de verán.
O Club Atlético de Madrid, a través da súa Fundación e en colaboración co Concello de Ames, organiza por segundo ano consecutivo un campus de fútbol en Bertamiráns. Esta iniciativa desenvolverase entre o 6 e o 11 de xullo nas instalacións deportivas de Bertamiráns. Trátase dun evento que está dirixido a nenos de 5 a 16 anos. O campus desenvolverase polas mañás, en horario de 10:00 a 14:30 horas, e contará con servizo de transporte desde Santiago de Compostela para facilitar a participación dos nenos e nenas cuxos pais non poidan achegalos a Bertamiráns.
Trátase dunha iniciativa na que os rapaces e rapazas poderán gozar de seis días de fútbol e diversión nos que se traballará por grupos reducidos tendo en conta a idade e o nivel de cada participante. O equipo técnico que traballa cos rapaces e rapazas nestes campamentos está composto por adestrados e olleadores de primeiro nivel, que son expertos na formación de xóvenes deportistas. Haberá sesións de adestramento técnico, adestramento específico para porteiros, actividades lúdicas paralelas, competicións técnicas individuais e por equipos, e moitas sorpresas máis.
Programa de adestramento
O programa de adestramentos do campus de verán de Ames comezará ás 9:30 horas coa apertura das instalacións ao alumnado. Media hora despois farase a presentación e a formación de grupos para darlle paso ao adestramento técnico individual e colectivo. A media mañá haberá un descanso para repoñer forzas almorzando algo. De seguido, continuarase co adestramento técnico individual e colectivo. Tamén haberá actividades paralelas como piscina, xincana de probas, competicións individuais e colectivas, xogos tradicionais, etc.
O prezo xeral deste campus é de 140 euros, pero haberá varios descontos. No caso de que participen dous irmáns o prezo será de 250 euros (125 euros por irmán) e se participan tres irmáns serán 360 euros (120 euros por irmán). Os rapaces e rapazas que participen nesta actividade serán obsequiados cun equipamento da Fundación do Atlético de Madrid, un diploma acreditativo, un informe coa correspondente valoración técnica e antropométrica e cunha foto de recordo.
Se estás interesado nesta `Experiencia Atlética´, podes contactar coa organización a través do coordinador dos campus da Fundación Atlético de Madrid en Galicia, Héctor Antelo, chamando ao número de teléfono 696 449 023. As inscricións permanecerán abertas ata o día 4 de xullo. A tramitación das inscricións tamén se pode realizar na oficina de Deportes, que está situada no Pazo da Peregrina en Bertamiráns.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Atlético de Madrid organiza un campus en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "La Fundación Atlético de Madrid presentó el II Campus de verano en Ames"




