Pestanas principais

Fuco e Veiga fanse co primeiro posto do campionato de chave da Peregrina e o Bertamiráns gaña o torneo de fútbol "Café Don Budi"

Mércores, 17 de agosto de 2011

[17-08-2011] No contexto das festas da Peregrina, celebradas durante a fin de semana en Bertamiráns, tivo lugar unha nova edición, como xa ven sendo habitual, do tradicional torneo de chave. O campionato gañouno a parella formada por Fuco e Veiga quedando nunha meritoria segunda posición o dúo formado por Lolo e Teresa. A concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, foron os encargados de entregar os trofeos aos campións e subcampións deste torneo de chave. A chave foi unha das actividades que se desenvolveu durante as festas da Peregrina pero non foi a única. O trofeo de fútbol “Café Don Budi”, que enfrontou ao Bertamiráns co Negreira solventouse coa vitoria do equipo local. Os concertos, a animación e o espectáculo realizado polas orquestras foron a garantía das festas que contaron cun alto nivel de asistencia.


Tras tres días de intensa festa en honra a Virxe da Peregrina, patroa do núcleo urbano de Bertamiráns, é preciso coller forzas. A oferta lúdica para estes días foi tan variada e rica en contidos que ningún amiense puido perderse este evento de referencia para todos os veciños e veciñas de Ames. Música folk, verbenas nocturnas ata altas horas da madrugada, gastronomía, atraccións para os nenos e nenas e o deporte constituíronse como os valores engadidos desta fin de semana.

En canto a oferta deportiva destacar unha nova edición do campionato de chave da Peregrina e os torneos futbolísticos celebrados o sábado e o domingo no campo municipal de Bertamiráns. O torneo de chave por parellas da Peregrina deu comezo o sábado ás cinco da tarde coa apertura das inscricións e co posterior inicio do campionato que contou coa participación de 10 parellas. Os vencedores desta nova edición do xogo popular foi a parella formada por Fuco e Veiga que, tras arredor de dúas horas intensas, alzáronse co primeiro posto superando coa súa precisión ao resto de participantes. Un campionato moi disputado que mantivo a emoción ata o último momento e no que se situou como subcampión o dúo formado por Lolo e Teresa. O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, foron os encargados de entregar os trofeos á primeira e segunda parella clasificada.


O fútbol como rei actual do deporte non podía faltar nesta festividade. O sábado disputouse o partido entre o Bertamiráns B e o Villestro no que o segundo equipo do Bertamiráns conseguiu vencer aos visitantes cun resultado a favor de dous a cero. Ademais, con motivo das festas da Peregrina, o domingo ás 19:00 horas celebrouse o torneo de fútbol "Café Don Budi" no que o Bertamiráns se enfrontou ao Negreira. Un emocionante encontro que tivo que solventarse nos penaltis obtendo un resultado final a favor do equipo local de 4-3. O sábado os trofeos foron entregados polo concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e o responsable do torneo Don Budi, mentres que o domingo o galardón entregouno o concelleiro de Deportes e Emilio Martínez Carballeira, concelleiro de Acción Parroquial e Rural.

Unha fin de semana onde o deporte se consolidou xunto coa música e a animación como a aposta principal de entretemento para os veciños e veciñas amienses. Bertamiráns converteuse durante toda a fin de semana nunha auténtica verbena na que o divertimento se consolidou como o obxectivo fundamental da comisión que, tras a celebración da festividade, agradece o nivel de participación aos veciños e veciñas e a colaboración do goberno municipal. As festas da Peregrina xa tocaron ao seu fin, agora, haberá que esperar ao ano que vén.