Pestanas principais

As forzas políticas de Ames demandan unha solución inminente á problemática do tráfico da N-550 co obxectivo de humanizar O Milladoiro

Sábado, 13 de xaneiro de 2018

[13-01-2018] Os sete grupos políticos que conforman a Corporación Municipal de Ames veñen de asinar un documento no que reflicten a necesidade de afondar na busca de solucións de maneira inmediata ao problema do tráfico do Milladoiro, para alcanzar o obxectivo de humanización do núcleo urbano. As forzas políticas de Ames adoptaron, por unanimidade, unha serie de acordos para este fin: iniciar un proceso de reunións veciñais para escoitar a opinión dos diferentes colectivos; solicitar unha xuntanza co Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para que reciba a unha representación da Corporación de Ames para expoñerlle a problemática da N-550 ao seu paso polo Milladoiro; instar á Xunta de Galicia e á conselleira de Infraestruturas para que medie entre o Concello e o Ministerio na procura dunha solución o mais rápida posible; e instar ao Ministerio de Fomento a dar unha solución inminente á problemática de tráfico da N550 co obxectivo da humanización do núcleo urbano, realizando para elo os estudios necesarios. Próximamente darán conta á cidadanía de Milladoiro sobre o acordo alcanzado.

Os sete grupos políticos de Ames adoptaron o acordo tras unha xuntanza celebrada na Casa da Cultura do Milladoiro, da que tamén participou a arquitecta municipal. Nela, expuxéronse os diferentes puntos de vista sobre a problemática da N-550 ao seu paso polo núcleo do Milladoiro. O alcalde de Ames, José Miñones, deu conta dunha relación de antecedentes de escritos remitidos ao longo dos últimos anos, tanto á Consellería como ao Ministerio de Fomento. Tamén se deu conta dos diferentes escritos intercambiados entre as Administracións en anos anteriores: un informe remitido por parte de Urbanismo en xuño de 2010, sobre os corredores da variante da Nacional, e outros dous documentos gráficos sobre os diferentes nós que no seu día se estaban a estudar. Tamén se aportou información acerca do proxecto de construción dunha rotonda en altura á entrada do Milladoiro.

Debate e propostas
Os diferentes grupos foron expoñendo o seu punto de vista a cada unha das problemáticas existentes, con intervencións sobre as diferentes alternativas. Así, falouse da problemática do tráfico pesado, da desconxestión de tráfico a través da AP9 ou AG-56, das variantes, do túnel da avenida de Rosalía de Castro, da liberación da peaxe Padrón-Santiago, dos problemas de tráfico na rotonda e da humanización do núcleo do Milladoiro. Foron varias as propostas que se expuxeron e quedaron plasmadas sobre a mesa con bastantes puntos en común e outros de discrepancia.

Todos os grupos coincidiron na necesidade de humanizar a avenida de Rosalía de Castro como punto peonil e de esparcemento para a veciñanza, existindo diferentes alternativas para a súa consecución, non entrando os grupos municipais a decidir a mellor das solucións que acaden este obxectivo, deixando que sexan os técnicos da Administración central e o Ministerio de Fomento quen decidan a mellor das solucións para acadar este obxectivo. Dende os grupos municipais tamén sinalaron que a cidadanía do Milladoiro debe ter voz neste proceso, e por iso os diferentes grupos da Corporación manterán, proximamente, unha primeira xuntanza cos colectivos de comerciantes, empresarios, educativos, deportivos e veciñanza en xeral para escoitar as súas achegas e opinións ao respecto.

Humanización do Milladoiro
Todas as formacións políticas de Ames coinciden en sinalar que a solución ao problema do tráfico no Milladoiro non se debe reducir tan só a unha minoración de vehículos pola rúa principal, senón que se ten que afondar na busca de solucións de maneira inmediata para alcanzar o obxectivo de humanización do núcleo urbano. Neste sentido, agardan que a solución definitiva non se demore máis anos e, dunha vez por todas, se busquen e expoñan solucións técnicas ao problema existente e de xeito inminente.

Os grupos municipais aprobaron de maneira unánime o documento como punto de partida e liña de actuación exixindo da Administración central a celeridade necesaria. As forzas políticas queren que o acordo adoptado de xeito unánime sexa representativo da prioridade e importancia que este asunto representa para todos os grupos políticos que forman a Corporación Municipal de Ames e de ahí que como primeira medida se solicite unha xuntanza co Ministro de Fomento dunha representación da Corporación Amesá.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames crea un frente común para humanizar Milladoiro sin demora"
El Correo Gallego: "Grito unánime en Ames contra el caos de tráfico en O Milladoiro"