Pestanas principais

Formalízase o contrato para a xeración de novos percorridos ambientais na zona sur do Milladoiro

Sábado, 29 de outubro de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato para a xeración de novos percorridos ambientais nan zona sur do Milladoiro. Dito proxecto foi adxudicado á empresa MGM Edificaciones e Infraestructuras Sl por un importe de 144.690,36 euros (IVE incluído). Trala adxudicación, formalizouse o contrato e agora está pendente de que se asine a acta de replanteo. As obras está previsto que comecen na segunda quincena de novembro. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Deste xeito, vanse crear dúas novas sendas peonís para pasear e facer deporte no monte que se atopa na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande, e por debaixo do viaduto da AP-9.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é a creación dun nova área ambiental na zona sur do Milladoiro. Este proxecto executarase na zona boscosa que está próxima á rúa do Rego e da Costa Grande. O obxectivo é crear novos percorridos ambientais que formen unha nova ruta circular por onde se poida andar e correr.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “deste xeito trátase de adaptar e mellorar os espazos verdes que xa existen no Milladoiro, para que poidan ser utilizados pola veciñanza desta localidade. Trátase da segunda fase do proxecto de acondicionamento de espazos verdes no Milladoiro, despois de acondicionar o parque verde central, que se atopa na zona norte do Milladoiro, xunto á zona de instalacións deportivas e culturais desta localidade”.

En dito entorno, vanse crear diferentes sendeiros co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear por un entorno natural. Dito proxecto recolle a creación dun acceso á zona verde e mailos percorridos ambientais. Os traballos realizaranse na zona de acceso conectado coa actuación de eliminación de barreiras urbanísticas en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado proposta na rúa do Rego. Ademais, crearase unha praza de acollida que será accesible universalmente no seu percorrido e mobiliario.

Crearase dúas rutas: unha circular (na que se executarán obras de drenaxe para consolidar o firme da senda proxectada e o correcto encanamento das augas de escorrentía existentes nesa zona) e outra que discorrerá cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro (utilizando camiños granulares existentes e mellorados que chegan ata os depósitos municipais de auga). Outras actuacións contempladas no proxecto son a colocación de alumeado público sostible tanto para a praza de acollida como nos novos percorridos ambientais. Tamén se colocarán carteis informativos explicativos de todas as rutas.

A concelleira Susana Señorís salientou “a importancia destas obras porque van a recuperar para o paseo e o deporte unha zona do Milladoiro que agora mesmo está moi pouco utilizada, e é necesario que o núcleo máis grande do concello conte con máis zonas de ocio e esparexemento”.

Este proxecto enmárcase entro do Obxectivo Temático 6 (OT6): preservación e protección do medio e fomento da eficiencia dos recursos. Concretamente esta actuación céntrase na rexeneración de solos degradados para o uso e desfrute da cidadanía.

Parque verde central do Milladoiro
Este proxecto súmase ao executado na zona norte do Milladoiro onde se mellorou o parque verde que está situado xunto á zona de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

O obxectivo deste proxecto foi gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Preparan rutas 'forestais' na zona sur do Milladoiro"

La Voz de Galicia: "La segunda fase del plan de sendas verdes de O Milladoiro comenzará este mes"

Plano do proxecto de novos percorridos ambientais

Multimedia

  • Plano do proxecto de novos percorridos ambientais
  • Plano do proxecto de novos percorridos ambientais
  • Imaxe do lugar por onde se van executar os novos percorridos ambientais
  • Imaxe do lugar por onde se van executar os novos percorridos ambientais