Pestanas principais

Foliada con Apego este venres no Pazo da Peregrina ás 18:00 horas

Martes, 08 de novembro de 2016

[08-11-2016] Este venres as familias amesás e calquera persoa que guste do baile e da música tradicional están convidadas a participar nunha foliada posta en marcha polo Concello de Ames dentro do programa Apego. Con esta iniciativa búscase poñer en contacto as crianzas coa música e o baile galegos. Haberá baile, cantares, e distintos instrumentos. A entrada será de balde e até completar aforo, polo que as persoas interesadas xa se poden inscribir enviando un correo ao enderezo normalizacionlinguistica@concellodeames.gal ou chamando por teléfono ao número 662 377 215 entre as 9.00 e as 15.00 h. Terán que indicar o número das persoas que veñen, o nome das persoas adultas e un teléfono de contacto.

O Concello de Ames organiza, no marco do programa Apego, unha foliada familiar este venres ás 18:00 horas no Pazo da Peregrina. A actividade xurdiu como proposta dalgunhas das familias que forman xa parte da comunidade amesá do Apego e que consideran necesario contar con máis espazos de encontro e de socialización en galego para as crianzas.

Na foliada, as nenas e os nenos sen límite de idade e as súas familias poderán coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas nun contexto divertido e familiar. Propónselles a todas as persoas asistentes que leven os seus instrumentos e comida para compartir entre todos na merenda.