[22-05-2011] 370 azaleas, 352 plantas de ostespermum, 4.000 abelias, 40 rododendros, 17 cupresus e 12 gingko biloba, colocación do rego e de mallas antiherba, preparación de taludes e plantación de 2.500 metros cadrados de céspede con pardeira natural e flor de campo... Os últimos traballos realizados pola empresa “Dixardín” converten ao novo cemiterio municipal nun xardín para a o repouso e para a lembranza. A apertura está pendente da resolución do sistema de xestión que rexerá o seu funcionamento.


Os últimos traballos no cemiterio municipal consistiron en movementos de terra e nivelación de terreos con máquinas retroexcavadoras. Tamén se prepararon os taludes removendo e nivelando a terra, colocouse fibra de coco para evitar as malas herbas, acondicionáronse as zonas baixas do recinto, sementáronse 2.500 metros cadrados de céspede con pardeira natural e flor de campo, acondicionáronse como xardín as zonas principais da entrada, colocouse o rego na zona de tepe e na de pardeira natural, nas zonas de planta tamén se colocou o rego, unha malla antiherba e corteza decorativa, colocáronse 2.880 metros cadrados de malla de fibra de coco antiherba e esta malla suxeitouse con 2.526 piquetas de aceiro.
No canto das plantas que ornamentarán o novo espazo, compre salientar que se colocaron 370 azaleas, 352 plantas de ostespermum, 4.000 abelias, 2.496 vincas, 40 rododendros, 17 cupresus, 420 erigenon e 12 gingko biloba. Ademais acondicionáronse manualmente e con aportes de terra os taludes do aparcamento, colocouse céspede e planta ornamental e limpáronse todos os camiños e paseos do cemiterio.
O novo cemiterio municipal de Ames que está ubicado nunha parcela de 24.600 metros cadrados na parroquia de Ortoño. A obra, que contou cun presuposto total de 1.720.000 euros, financiouse con cargo ao fondo FEIL, procedente do goberno central. O espazo do cemiterio está dividido en dúas parcelas. Nunha delas sitúase o cemiterio en si e na outra sitúase un área de aparcamento para turismos e autobuses.
O cemiterio conta cun total de 1.976 nichos en panteóns e 55 nichos subterráneos e dispón de varios camiños descendentes que están deseñados coma se fosen rueiros. Ademais, plantáronse diferentes árbores e plantas de xeito que se lle confire ao camposanto un aspecto axardinado. Os nichos construíronse en varias capelas. Cada capela alberga no seu interior no seu interior vinte e catro nichos, e cuxa cara estará protexida por un pórtico. Ademais na zona máis baixa do recinto construíronse nichos subterráneos, integrados entre zonas axardinadas.
Dentro do recinto cerrado do cemiterio construíuse unha capela-oratorio, un edificio de servizos, con aseos públicos, o deposito de cadáveres e outro pequeno edificio que alberga un almacén de xardinería, un osario e un espazo no que está previsto instalar un forno incinerador de residuos.
Ao recinto pechado do cemiterio chegase a través de tres explanadas. Na primeira está previsto que se constrúa no futuro un tanatorio e as outras dúas están destinadas a aparcadoiros. Na explanada de aparcadoiro para turismos está previsto tamén un espazo dedicado a parada de autobuses. Na zona de aparcamento hai un total de 121 prazas para turismos, 2 prazas dedicadas a parada de bus e catro máis de estacionamento para autobuses.
Para chegar ao cemiterio pódese acceder desde a estrada local que une a C-543, desde o acceso a Aldea Nova co lugar de Quistiláns. A pouco máis de 100 metros da C-543 hai unha entrada cunha dimensión que permite a entrada de autobuses, ademais unha senda peonil permite o acceso ao recinto. Coa finalización deste proxecto Ames cumpre xa a normativa que establece que os municipios que contan con máis de 20.000 habitantes deben ter un cemiterio municipal.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Campo de fútbol y nuevo cementerio listos en Ames"




