[25-01-2014] Ames converteuse durante os últimos meses nun gran plató de televisión debido á gravación da serie de televisión O Faro, que levou a imaxe do municipio a diferentes comunidades autónomas. Esta mesma semana, rematou nun plató do Milladoiro a rodaxe desta produción diaria, que se emite desde o mes de outubro na TVG e noutras cadeas autonómicas da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA). Con motivo da finalización da gravación da serie, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, achegáronse esta semana ao plató situado no parque empresarial do Milladoiro e no que se viñeron desenvolvendo as xornadas de gravación.
A rodaxe da serie 'O Faro' non é a única relación que ten o municipio de Ames co mundo audiovisual, senón que se trata dun concello que conta cun grande potencial e un importante peso nesta área. De feito, só no parque empresarial do Milladoiro contabilízanse dez empresas do sector audiovisual ou que están directamente vinculadas a el.
A acción da serie discorre en distintos puntos de Ames, como O Milladoiro e Bertamiráns. Deste xeito, Ames é un dos escenarios principais desta produción televisiva grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Concello e a produtora Atlántida Media (conformada pola unión de Zenit Televisión, Pórtico Audiovisuais, Cinemar e Agallas).
Na súa visita ao plató, situado no polígono empresarial do Milladoiro, o alcalde e o concelleiro puideron coñecer todos os sets de rodaxe instalados e os pormenores do día a día de todo o equipo que compón O Faro. Ademais, puideron asistir ao ensaio e gravación dunha das secuencias da serie. O equipo de O Faro traballou en dúas quendas ao longo de todo o día, nun horario de 07:00 horas da mañá ata as 23:00 horas da noite.
A produtora elixiu para o desenvolvemento de 'O Faro' distintas localizacións do termo municipal de Ames pola súa idoneidade e adecuación ao guión. Principalmente, as gravacións realizáronse en puntos concretos do parque empresarial do Milladoiro, así como en zonas limítrofes delimitadas polos camiños rurais que o circundan, como a aldea de Coira. Tamén se levaron a cabo gravacións en distintos puntos do municipio. De feito, o equipo estivo gravando secuencias da serie en Bertamiráns, máis concretamente na Praza de Chavián e na Praza do Concello. (1).jpg)
.jpg)




