Pestanas principais

Finaliza con éxito o curso técnico de compostaxe impartido no concello de Ames por ADEGA

Xoves, 07 de xullo de 2022

A Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente informa de que a Asociación Ecoloxista ADEGA rematou o seu primeiro ciclo formativo en mestría en compostaxe en 2022, denominado “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que se desenvolveu do 9 de maio ao 7 de xuño nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situadas no lugar de Quintáns, na Ameixenda. O curso está cofinanciado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A proposta de formación completou prazas e algún dos alumnos xa acadou traballo grazas a esta titulación.

A Asociación ecoloxista ADEGA realizou durante os meses de maio e xuño a formación denominada “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada” para o emprego dentro do Programa Empleaverde, que rematou no concello de Ames o pasado 7 de xuño. Esta formación técnica, de balde e dirixida a persoas en situación de desemprego, contou cunha alta participación, cubrindo prazas e conseguindo formar e capacitar ao longo dos últimos meses a múltiples profesionais en compostaxe.

O obxectivo das accións formativas foi dotar ao alumnado dunha visión completa sobre a problemática actual dos residuos, capacitando a profesionais no proceso e técnicas de compostaxe, que coñezan e determinen a calidade e usos do compost, así como a adquisición de habilidades específicas para implementar unha educación ambiental de calidade.

O Concello de Ames colaborou con ADEGA cedendo as instalacións para a realización dos cursos. No inicio da formación, o concelleiro e a técnica de Medio Ambiente, Manuel Lens e Patricia Reboreda, xa prognosticaban e desexaban un curso de proveito con moitas oportunidades e posibilidades de emprego verde e de futuro. De feito, completáronse todas as prazas dispoñibles, á vez que se ofreceu un servizo de calidade a través dunhas boas instalacións e persoal técnico cualificado.

Contidos e capacitación do curso

O curso técnico de compostaxe descentralizada tivo unha duración de 100 horas presenciais, impartidas en sesións teóricas e prácticas nas se promoveu a compostaxe como xestión sustentable dos biorresiduos, sempre a través de técnicas de aprendizaxe activa, favorecendo o desenvolvemento integral do alumnado dende unha perspectiva ampla. Así, durante a formación, realizáronse diferentes actividades relacionadas coa xeración, tipoloxía e separación en orixe dos residuos, co proceso e as técnicas de compostaxe, coa implantación de proxectos de compostaxe e actividades de deseño, execución e avaliación de campañas de divulgación e sensibilización ambiental.

Na parte práctica, o alumnado realizou diversas actividades, tales como montaxe de composteiros, fabricación de peneiras para o cribado do produto final e test de xerminación, así como operacións de mantemento, medición de parámetros e toma de datos nos composteiros comunitarios do programa de compostaxe escolar do CEIP de Barouta.

Unha das saídas realizadas foi a visita a unha iniciativa empresarial de compostaxe como é a planta de substratos e fertilizantes orgánicos Ecocelta, na que tanto o xerente Sergio Quiroga como a directora comercial Bárbara Álvarez, explicaron o seu funcionamento, as características dos residuos que reciben, o proceso de compostaxe en pilas e da vermicompostaxe e finalmente a obtención do produto para a venta, envasado e etiquetado.

O curso finalizou cun acto de clausura que tivo lugar nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situadas no lugar de Quintáns, na Ameixenda.  Nesta xornada, tanto o alumnado como o persoal docente de ADEGA puideron gozar dun derradeiro día moi especial, no que compartiron experiencias e reflexións sobre os principais retos de futuro, así como diferentes obradoiros de reciclaxe e compostaxe, petiscos e finalmente a entrega dos certificados de mestría en compostaxe a todo o alumnado, emitidos pola coordinadora Composta en Red.

Continuidade do programa formativo

Este proxecto está subvencionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Todas as accións desenvoltas neste curso son gratuítas para as persoas participantes ao estaren cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020, para conseguir formación e un emprego de calidade.

No segundo semestre de ano desenvolveranse outros cursos técnicos de compostaxe descentralizada, agardando unha exitosa acollida como a que tivo o xa realizado. Calquera persoa interesada nestes cursos, que estea en situación de desemprego, pode poñerse en contacto con ADEGA no correo electrónico compostaxe@adega.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A compostaxe, a estudo grazas ao curso de Adega"

AMSGO!: "Finaliza con éxito o curso técnico de compostaxe impartido por ADEGA"

Finaliza con éxito o curso técnico de compostaxe impartido no concello de Ames por ADEGA