[26-02-2011] Esta fin de semana virá marcada polo deporte, pois este sábado terá lugar a celebración dunha xornada multideportiva no pavillón polideportivo do Milladoiro e o domingo celébrase a excursión a Santo Tomé en Ourense, que inclúe unha boa camiñata dende a cidade das Burgas ata o espazo arqueolóxico. Ademais, os que o desexen poderán pasarse pola Casa da Cultura do Milladoiro para visitar a exposición "Padrón. Os camiños da cultura".
Esta fin de semana virá marcada polo deporte en dúas variantes, baixo teito no pavillón polideportivo do Milladoiro e ao aire libre na excursión ao conxunto arqueolóxico-natural de Santo Tomé de Ourense.
Este sábado a partir das 16:30 horas da tarde no pavillón polideportivo do Milladoiro terá lugar unha sesión multideportiva para fomentar a actividade física entre a mocidade amiense. Fútbol 3x3, baloncesto 3x3, voleibol 3x3, tenis de mesa, mini tenis ou bádmintong son algúns dos deportes que poderán practicar este sábado rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.
Con esta iniciativa, organizada un ano máis pola Concellería de Deportes, preténdese fomentar a práctica do exercicio físico entre os mozos e mozas amienses como forma de manterse en boa forma física e garantir deste xeito unha boa saúde. Entre os deportes que se van practicar destacan os de 3x3 por esixir estes unha gran axilidade de movementos e resultar por elo moi divertido, pero tamén haberá outro tipo de deportes novidosos.
Excursión a Santo Tomé
Xa o domingo, terá lugar a excursión ao espazo arqueolóxico-natural de Santo Tomé, en Ourense. Organizado pola concellería de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza a saída dende Ames están prevista para as 10:00 h. dende a Praza do Concello e ás 10:15 horas dende Bertamiráns. O punto de encontro xa en Ourense será o auditorio da cidade. Unha vez chegados a este punto de encontro, dará comezo a ruta ata o Castro de Santo Tomé. Ás 14:00 horas farase unha parada para o almorzo e pola tarde levarase a cabo unha actividade lúdico-didáctica no Castro. Os nenos e nenas que o desexen poderán ir acompañados por persoal da Aula da Natureza que acudirán nesta ocasión á visita.
O conxunto arqueolóxico-natural de Santo Tomé está situado na parroquia de San Bernardo de tibias, a penas a tres quilómetros da cidade de Ourense, ascendendo en paralelo ao curso do río Loina. Nel poderemos contemplar un xacemento romano e vestixios dun antigo castro. Entre os restos arqueolóxicos do conxunto da época galaico-romana datada do século III despois de Cristo destaca a estrutura formada por catro estancias aliñadas cun atrio situado na fachada norte e un patio rectangular. Outra construción curiosa do lugar é a que se correspondería, segundo a documentación dos expertos, cun conxunto de vivendas rurais que presentan curiosas características, como unha escaleira de pedra que indicaría a existencia dun piso superior -algo novo neste tipo de construcións-, ou o sistema de calefacción.
Verbo do castro, hai que destacar que segundo os estudos estivo habitado ata o século II despois de Cristo e, observando as súas características arquitectónicas -pouco escavado, amplos muros de defensa, etc- dánnos unha idea dunha ampla densidade de poboación.
Todo isto rodeado dun exemplo de monte autóctono galego conformado por carballos e outras especies arbóreas caducifolias que dan unha idea do modo de vida en perfecta comuñón coa natureza dos antigos habitantes de Galicia. Ademais, dende o lugar hai unha espectacular vista do val sobre o que se asenta a cidade das Burgas.
Exposición sobre Padrón
Mais os que non desexen realizar ningún tipo de actividade física, poderán acudir á exposición "Padrón. Os camiños da cultura" que amosa aos visitantes a historia, os lugares e os moitos datos que existen sobre este tema e Padrón, incluíndo a lenda xacobea e as figuras senlleiras da literatura galega que naceron neste concello. Os que desexen acudir á exposición terán que dirixirse á Casa da Cultura do Milladoiro en horario de 10:00 h. a 14:00 horas e de 17:00 h. a 20:00 horas este sábado.
Así pois, outra fin de semana con múltiples opcións para divertirse e gozar da cultura.




