Pestanas principais

Fin de semana de autocine en Ames

Xoves, 19 de novembro de 2020

O aparcamento da Telleira, situado en Bertamiráns, acollerá esta fin de semana, os días 20, 21 e 22 de novembro, o autocine de balde "Ames Drive Cinema”. As 90 prazas que se ofertan para cada sesión xa están esgotadas para 4 das 6 películas proxectadas. Non obstante, aínda se pode inscribir na plataforma de EMESPORTS para acudir a ver “Los hombres que no amaban a las mujeres” y “Mientras dure la guerra”.

Durante esta fin de semana, Ames volverá aos anos 50 e 60 co autocine “Ames Drive Cinema”.  No aparcadoiro da Telleira, o persoal de acomodo facilitará o estacionamento a cada vehículo  e entregarase a información relativa á frecuencia de emisión para escoitar a película. O recinto estará perimetrado e os espazos para acoller a cada un dos vehículos numerados. Haberá carrís de entrada e saída e separación entre postos. En cada vehículo só poderán estar persoas conviventes.

90 prazas para cada unha das 6 películas que se proxectarán nos tres días. Para o venres 20 de novembro, día no que se emite o  "O que arde", de Oliver Laxe,  e "Bohemian Rapsody", xa están esgotadas todas as prazas. O primeiro filme proxectarase ás 18.00 horas e o segundo ás 20.30 horas.

O sábado, 21, as sesións estarán orientadas á igualdade e á violencia de xénero. Na sesión infantil, tamén co aforo completo, ás 18.00 horas da tarde proxectarase “Brave", a historia da empoderada guerreira Mérida que rompe con algúns dos ancestrais costumes machistas do seu pobo. 

Ás 20.30 horas emitirase "Los hombres que no amaban a las mujeres", baseada no primeiro libro da triloxía "Millenium" do escritor sueco Stieg Larsson, un filme que evidencia do xeito máis cru as condutas de violencia machista. Para ver este filme aínda quedan 50 prazas dispoñibles que se poderán reservar a través da plataforma de EMESPORTS.

O domingo, 22 de novembro, ás 17.30 horas, proxectarse “Maléfica”, a historia dunha bela fada protectora do seu reino até que unha traizón endurece o seu corazón. Para este filme están todas as entradas esgotadas. Deste xeito, rematan as sesión infantís do fin de semana de autocine.

O domingo, ás 20.30 horas, poderase ver “Mientras dure la guerra”, o filme de Amenábar que narra os días nos que Miguel de Unamuno foi destituído do seu cargo de reitor na Universidade de Salamanca. Para acudir a esta película de Amenábar quedan 24 prazas dispoñibles.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "Éxito de convocatoria no autocine: esgotadas as entradas de mañá"

Programa autocine.