Pestanas principais

Festas en Lens e en Ortoño

Venres, 02 de setembro de 2016

[02-09-2016] A Asociación de Veciños San Paio de Lens honra esta fin de semana á Virxe do Carme e a San Paio cunhas festas de carácter familiar. Misas solemnes e cantadas polo Coro Parroquial e actividades lúdicas para a infancia e a mocidade centran un programa no que a música corre a cargo do grupo Os Castros, actuación que patrocina o Concello de Ames. Por outra banda, a Asociación de Mulleres de Ortoño honra á Santa Filomena o domingo, día 4 con misa solemne, un xantar popular e a actuación do dúo Eva e Camilo. Quen o desexe aínda se pode apuntar este xantar popular que custa 25 euros chamando ao teléfono 687467704.

Nas festas de Lens non hai orquestras nin verbenas. Emporiso a Asociación de Veciños non deixa de pasar as datas sen celebrar o Carme e o San Paio no primeiro fin de semana de setembro, como se fai desde hai moitos anos: “As festas trasladaranse xa de antigo a estas datas porque os días propios do Carme e de San Paio coinciden sempre con épocas de recolección e de traballos importantes do campo”, manifesta Juan Pérez Crespo, encargado dos festexos na Asociación, quen tamén manifesta que “sendo tan poucos veciños non nos da para pagar grandes orquestras por iso poñemos todo o esforzo en pensar actividades que promovan a unión entre os veciños e a atención á xente máis nova”.

Con estas pautas, a Asociación á que pertencen o cen por cen dos habitantes da parroquia e algúns máis que viven fora, organiza para a tarde do sábado concursos de debuxo, xincanas, xogos populares e inchables para os máis cativos. Ademais haberá Misa Solemne o venres, o sábado e o domingo. Os tres días cantará o Coro Parroquial e o domingo, á saída da celebración relixiosa, estarán Os Castros cunha actuación que subvenciona o Concello de Ames. “As festas están enfocadas á confraternización dos veciños e cando falamos de veciños estamos falando dos poucos que vivimos en Lens e dos que están fora pero seguen colaborando activamente con todo o que se organiza na parroquia”, manifesta Pérez Crespo quen calcula “sen medo a equivocarme” que durante estes tres días se triplica a poboación en Lens.

Festas na honra de Santa Filomena en Ortoño

Por outra banda, A Asociación Sociocultural de Mulleres de San Xoán de Ortoño, coa colaboración do Concello de Ames, celebra o domingo, día 4 de setembro a festa na Honra de Santa Filomena. Misa solemne cantada polo grupo Allegro, xantar popular e unha actuación do dúo Eva e Camilo serán os ingredientes principais desta festa que tivo un gran auxe ate a década dos oitenta e que hai dous anos comezou a recuperar a Asociación de Mulleres de Ortoño. O xantar custa 25 euros e quen queira participar debe chamar ao teléfono 687467704.