Pestanas principais

As Festas da Peregrina despídense con música un ano máis

Mércores, 17 de agosto de 2016

[17-08-2016] O campo de festas da Peregrina, en Bertamiráns, volve estar baleiro e en silencio. Mais fai un par de días, o domingo 14 de agosto, soaban aínda os últimos acordes cos que as orquestras Alkar e Armonía Show despedían as festas patronais da localidade amesá. A comisión de Festas da Peregrina despedíase satisfeita tras un fin de semana de gastronomía, música, xogos e algo de deporte. O pregoeiro desta edición, o xornalista e veciño de Bertamiráns Xosé Luís Blanco Campaña, fixo un resumo da historia do municipio.

Unha carpa para 200 persoas agardaba o venres 13 de agosto aos primeiros festeiros e festeiras en Bertamiráns. Cociñeiros e cociñeiras levaban todo o día no campo da festa preparando a carne de porco á brasa, prato principal dunha festa cuxa primeira edición se celebraba o ano pasado. A veciñanza acolleu con gusto esta suma de gastronomía ao programa festeiro, polo que a comisión decidiu repetir e logrou “encher toda a carpa”. Xosé Luís Blanco Campaña falou, como pregoeiro das festas, antes de que o público se sentase á mesa. Na carpa servíronse, ademais de porco, empanadas, sobremesas, cafés e licores. A música dos Retranqueiros foi a encargada de abrir o apetito do público, que despediu a noite co concerto de “Trío Musical Bulback Show”.

O sábado os Atrevidos de Barcala percorreron Bertamiráns espertando aos veciños e veciñas, animándoos a saír a rúa e gozar dun bo tempo que acompañou toda a fin de semana. Foi o día no que nenos e nenas o pasaron especialmente ben: numerosas familias se achegaron coas crianzas a pasar a tarde xogando nos inchables e nas atraccións que se instalaron no parque da Travesía do Rueiro. Á noite o torreiro do campo da festa volveuse encher, o público novo diante mentres as parellas de maiores bailaban algo máis afastadas, para escoitar ás orquestras Trébol e Televisión.

A festa dominical acolleu o encontro entre o Bertamiráns FC e a división xuvenil de honra do Deportivo FC. O partido, enmarcado no torneo Café Don Budi, rematou coa derrota do equipo local por 5 goles a 2. A afección achegouse a animar a un Bertamiráns FC que lle plantou cara ao equipo coruñés, sobre todo na segunda parte. O grupo amesán Os Castros, a Banda Municipal de Padrón e a charanga Tíralle ao Aire foron os encargados de amenizar o día, mentres que pola noite o campo da festa acolleu a música das orquestras Alkar e Armonía Show.

Dende a comisión de festas da Peregrina, nunha entrevista a Ames Radio, deron as grazas a toda a veciñanza que se achegou a gozar das festividades. Solicitaron ademais a colaboración dos veciños e veciñas, e animaron ás persoas interesadas en sumarse a comisión para seguir organizando unhas festas que, admiten, “levan moito traballo, pero cando ves que todo sae ben e que a xente está contenta conlevan unha gran satisfacción”.

A televisión pública galega faise eco das Festas da Peregrina en Ames
A TVG adicou este ano, dentro da súa programación de reportaxes de festividades, un espazo ás Festas da Peregrina de Ames. Na reportaxe participan o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, os membros da Comisión de Festas da Peregrina, don José Luís, párroco de Ortoño, e membros da Confraría da Virxe da Peregrina. Ademais dunha retrospectiva das festas o equipo de gravación da televisión autonómica visitou lugares emblemáticos do municipio, como o Pazo da Peregrina ou a Pontemaceira.