Pestanas principais

A Festa de Reis do 5 de xaneiro contará con grandes espectáculos aéreos, de pompas e con aros

Xoves, 28 de decembro de 2017

[28-12-2017] O venres, 5 de xaneiro, as nenas e nenos amesáns celebrarán a chegada dos Reis Magos cunha festa especial, que terá lugar nos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns. Previamente, os Reis Magos pasarán polas Oficinas municipais do Milladoiro e pola Casa do Concello de Bertamiráns, co obxectivo de deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Desde alí, partirán en cabalgata ata os pavillóns, onde se celebrarán tres grandes espectáculos aéreos, de pompas e con aros. No recibimento aos Reis nos pavillóns tamén haberá chocolate con rosca.

Un ano máis os Reis Magos pasarán por Ames antes de repartir os agasallos que cada neno e nena lles pediu nas cartas que escribiron previamente. Para recibir aos Magos de Oriente o Concello de Ames está preparando unha gran festa que este ano recolle varias novidades. Primeiro, os Magos de Oriente serán recibidos nas Oficinas xerais do Milladoiro, ás 17:00 horas, e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ás 18:00 horas, onde asinarán no libro de sinaturas do Concello de Ames.

De seguido, percorrerán as rúas do Milladoiro (Agro do Medio, rúa dos Cereixos e Travesía do Porto) e de Bertamiráns (praza do Concello, avenida da Maía e avenida da Peregrina). Posteriormente, farase unha recepción real nos pavillóns polideportivos do Milladoiro, ás 17:30 horas, e de Bertamiráns, ás 18:30 horas, cunha gran festa de luz e de son, onde se celebrarán tres espectáculos: de pompas, con aros e aéreos.

No recibimento aos Reis nos pavillóns tamén haberá chocolate con rosca. Os pavillóns municipais estarán abertos media hora antes da chegada das súas maxestades os Reis Magos. Ademais, os rapaces e rapazas de Ames poderán fotografarse con Melchor, Gaspar e Baltasar. Serán máis de 90 minutos de entretemento a cuberto e no que tamén se entregarán os premios do concurso de cartas de Nadal.

Concurso de cartas de Nadal
Por terceiro ano consecutivo, os Concellos de Ames, Teo e Santiago, puxeron en marcha de forma conxunta e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición, no que o lema é Ponlle cor á lingua, anímase ás crianzas a colorear a súa lingua, o galego, das tonalidades que consideren máis acaidas. Os motivos polos que escollen esas cores poderán compartilos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a mensaxe de que as cores transmiten sentimentos: o verde esperanza, o vermello rabia, a alegría amarela... e pídenlles ás nenas e aos nenos de Ames, Teo e Santiago que colaboren na súa tarefa de colorear todas as linguas do mundo, enviándolles unha carta en que expliquen a cor que queren para o galego.

Prazo aberto ata o 3 de xaneiro
Para participar nesta actividade hai que deixar as cartas nas caixas de correo instaladas na Casa do Concello, nas Casa da Cultura e nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. As cartas poderán depositarse ata o día 3 de xaneiro, incluído. A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta de cada nena e neno estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou á propia Maxia do Nadal.

Todas as nenas e nenos que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos da nena ou neno: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto. Ademais, haberá seis premios para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do vindeiro ano. Os premios entregaranse o vindeiro venres, 5 de xaneiro, na Festa de reis.