Pestanas principais

A Festa das Tapas retorna ao Milladoiro esta fin de semana

Sábado, 02 de abril de 2011

[02-04-2011] A asociación A Madalena do Milladoiro volta organizar un ano máis a Festa das Tapas, destinada a potenciar a gastronomía local entre os establecementos do Milladoiro cunha dobre xornada de degustación de tapas variadas que o público poderá xulgar para establecer cal delas é a mellor preparada. As persoas que se acheguen a esta festa contarán cun tren que os trasladará polos distintos establecementos que colaboran neste evento. Ademais, as charangas, o II Feirón do Milladoiro, as atraccións de feira e unha exposición de produtos gastronómicos animará O Milladoiro este sábado e domingo.

Esta primeira fin de semana de abril volta ao Milladoiro a Festa das Tapas organizada pola asociación A Madalena coa que esta entidade pretende dar pulo á gastronomía local. O principal reclamo destas xornadas será a degustación de tapas variadas nos establecementos colaboradores para o que os interesados contarán cun tren que os levará pola "Ruta das tapas", os distintos establecementos onde deberán facerse co ticket que acredita a súa participación que lles permitira xulgar a calidade das mesmas para premiar a aquela que máis lle gustou.

As taparías Babia, Xebre e Antiqua, a cervexería Curmáns e a Gallaecia, o café-bar 89, o Fogar do Seidón, O Polígono ou Galway serán algúns dos establecementos encargados de ofrecer as distintas tapas que van dende os pementos de piquillo recheos e espetos de tenreira, ata empanada de millo con berberechos e polbo encebolado, pasando por chipiróns recheos, revolto de gulas, polbo con fabas, ameixas ou arroz; milfollas de xamón asado con crema de queixo galego, espeto "mar e montaña" con crocante de polo ou o taco de porquiño confitado con pastel de pataca serán algunhas das moitas tapas que os veciños e veciñas, e todos aqueles que se acheguen polo Milladoiro, poderán engulir esta fin de semana.

A festa comezará o sábado ás 11:00 horas da mañá coa apertura do II Feirón do Milladoiro e 30 minutos máis tarde abrirase a II Exposición de produtos Ecolóxicos e Artesanais. Xa ás 12:30 horas botará a andar o tren que fará o percorrido pola ruta das tapas -comezará en Rosalía de Castro 34 e rematará sobre as 15:15 horas da tarde no Novo Milladoiro- e que levará aos interesados aos establecementos que se ofreceron a colaborar elaborando diversas tapas entre as que a máis valorara polo público sairá gañadora do concurso. Xa pola tarde, a partir das 17:00 h. comezará a verbena e abriranse as atraccións de feira para que, despois dunha boa enchenta, a xente poida divertirse e facer a dixestión movendo o corpo nas camas elásticas, nas cadeas, inchables, coches eléctricos e demais atraccións. Xa entrada a noitiña, a partir das 21:00 horas, o campo da festa será o escenario onde terá lugar a gran pulpada que porá a guinda final ao día e que contará coa música do grupo Melao.

O domingo continuará a festa dun xeito similar. Ás 11:00 h. reabrirase o II Feirón do Milladoiro e media hora máis tarde farao a II Exposición de produtos Ecolóxicos e Artesanais. A partir das 12:30 h. o tren volverá a facer o percorrido pola "ruta das tapas" e celebraranse as dianas coa charanga T.N.T. Chegada a unha da tarde, haberá unha degustación de tapas na carpa da organización que incluirán navallas, langostinos, ameixas á prancha, champiñóns con xamón, churrasco e postres variados. Ás dúas comezará a sesión vermouth cuxa ambientación musical correrá a cargo do grupo Talismán. A partir das 16:00 h. procederase á recollida de votos para decidir cal é a tapa mellor valorada polos veciños/as e unha hora máis tarde comezará a verbena de mans do grupo Talismán. Ás 19:00 h. terá lugar a entrega de premios e comezará a "hora feliz" nas atraccións, nas que se poderán obter dúas fichas por un euro, e media hora máis tarde o grupo Talismán porá a música coa que finalizará esta deliciosa fin de semana.

Así pois, a todos aqueles aos que lles guste encher o bandullo teñen unha boa ocasión para facelo a bo prezo e con bos produtos, ao tempo que poderán divertirse coas atraccións e coas actuacións musicais.