[10-11-2012] Máis de 50 comercios e establecementos hostaleiros de Bertamiráns vístense de gala estes días para ofrecer os seus produtos aos veciños e visitantes que participan na primeira edición da Festa das Compras e do Roteiro dos Petiscos, unha iniciativa organizada en colaboración polo Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB). Na noite do venres, o concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ames, Bernardo Moar, visitou algúns dos locais participantes acompañado polo presidente da ACB, Juan Carlos Zaera, e a secretaria da asociación, Margarita Porto.
Na xornada de onte daba comezo esta iniciativa, que se estenderá ata o vindeiro 18 de novembro, cunha gran participación de público, que se achegou a gozar desta festa desde municipios como Santiago, Negreira, Teo e, por suposto, Ames.
Os clientes que realicen o Roteiro dos Petiscos deben visitar os 15 establecementos hostaleiros que ofrecen con cada consumición unha tapa completamente gratuíta. Completando a ruta, participarán nun sorteo de interesantes premios, que van desde una televisión ata cursos online de persoal shopper, pasando por estancias en casas de turismo rural ou vales desconto en diferentes comercios de Bertamiráns.
En canto aos empresarios participantes na Festa das Compras, tamén puxeron o seu empeño en sacar adiante esta iniciativa con descontos de ata o 70%, degustacións de cupcakes e lambonadas nos seus locais, e outras animacións. Unhas iniciativas que se ofrecerán durante toda a semana.




