Pestanas principais

A Festa da Natureza de Ames contribúe á repoboación do Tambre con milleiros de crías de troita

Domingo, 01 de xullo de 2012

[01-07-2012] A Festa da Natureza de Ames, que se celebrou ao longo de toda a xornada na praia fluvial de Tapia, contribuíu á repoboación do Tambre coa solta de 5.000 crías de troita cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames. Durante toda a tempada, as augas do río recibiron máis de 20.000 exemplares. O obxectivo desta festa, organizada polo Concello de Ames, era pechar as iniciativas coas que ao longo deste mes se conmemorou o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño. Pequenos e maiores participaron hoxe nunha celebración que permitiu poñer en valor o noso medio.

Ao remate destas primeiras actividades, chegou o momento do descanso e do xantar, que se levou a cabo na área recreativa de Tapia.Tras repoñer forzas, ás catro da tarde realizouse un acto moi especial: unha solta de crías de troita autóctona cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames. Media hora despois, comezou un obradoiro ambiental no que os participantes coñeceron alternativas a produtos tóxicos do fogar.

A festa comezou ás once da mañá cunha andaina circular ambiental polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca. Esta andaina, que ten unha dificultade baixa e unha duración de dúas horas, estivo dirixida a todos os públicos, tanto nenos/as como adultos. Ás 13,00 horas comezou unha inspección da fauna e flora do río Tambre a través do Proxecto Ríos, que desenvolve a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). A través desta actividade realizouse unha análise de varios parámetros da flora e fauna do río, que determinan o estado de conservación da canle e das marxes do río.

Ademais de andainas, da inspección da fauna e flora do río Tambre e dunha solta de crías de troita, durante todo o día estiveron instalados na área recreativa postos de artesanía, comercio local e comercio xusto. Na solta de crías de troita colaboraron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín.