Pestanas principais

A Festa da Natureza aglutina un abano de actividades aptas para todas as idades

Mércores, 09 de xuño de 2021

Xogos tradicionais, xincana, andaina, concurso de fotografía, piragüismo, concerto e baile. A festa da Natureza , organizada pola concellaría de Transición Ecolóxica, en colaboración coas concellarías de Deportes, Benestar Social e Promoción Económica, que se celebrou o sábado, 5 de xuño, na praia fluvial de Tapia, ofreceu actividades para todas as idades. Cómpre salientar a inauguración da ruta “Val dos pasos” que une Bertamiráns e Tapia, o Encontro Intercultural no que participaron 7 países, as clases de iniciación ao piragüismo e a solta de alevíns de troita no río Tambre que se realizou como acto conmemorativo do Día Internacional do Medio Ambiente. A festa rematou coa actuación do grupo Colt-45 do que forma parte a veciña de Ames, Anne Tooming.

Novo roteiro
Guiadas polo concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, ao redor de 30 persoas fixeron por primeira vez a ruta Val dos Pasos que une Bertamiráns e Tapia. Os/as camiñantes percorreron á beira do río o Rego dos pasos até chegar a Ponte de Pousada onde colleron unha pista forestal até chegar a Auga Pesada. Alí, por un camiño de monte alcanzaron a aldea de Cruxeiras e logo, a través dunha pista forestal chegaron a Seares de Abaixo para coller a estrada que os levou a Tapia. Era a primeira vez que se facía esta ruta que une Bertamiráns e Tapia a pé e os/as participantes gabaron a paisaxe e os paraxes rurais pola que atravesa e o feito en si de abrir unha ruta para peóns que una a localidade de Bertamiráns coa praia fluvial de Tapia.

Iniciación ao piragüismo
Preto de cen persoas, na meirande parte nenos e nenas, participaron na actividade de Iniciación ao Piragüismo que se desenvolveu en colaboración co Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. Distribuídos en grupos de 20 e guiados polos monitores do club e polo técnico de deportes e tamén padexeiro do club, Alberto Viaño, a rapazada recibiu unha charla teórica sobre o manexo da pala e da piragua e fixo despois un pequeno paseo polo río.

Encontro Intercultural
Amesáns e amesás nados en sete países diferentes participaron no Encontro Cultural que se desenvolveu tamén no marco da Festa da Natureza desde as 14:00 horas até as 16. Os/as participantes ofreceron neste xa tradicional encontro pratos típicos de Venezuela, República Dominicana, Ucranía, Marrocos, Brasil e Guatemala. Ademais Nadia e Tatania, dúas rapazas colombianas bailaron, ataviadas co traxe típico, danzas tradicionais do seu país.  

Xogos tradicionais
Os/as asistentes á Festa da Natureza tiveron a oportunidade de coñecer un feixe de xogos tradicionais, moitos deles descoñecidos por unha boa parte do público. Após mergullarse no funcionamento de cada un deles, organizouse unha xincana na que, en grupos de tres, foron participando tanto a rapazada como os adultos.

Enfoca Ames
No transcurso da festa entregáronse os premios do 1º concurso fotográfico “Enfoca Ames” que se desenvolveu coa colaboración coa concellaría de Promoción Económica e a Xuntanza de Empresarios de Ames, XEA. O obxectivo do certame era buscar e recoller lugares significativos de Ames que ademais puidesen servir de imaxe para o comercio. O alcalde Blas García e as concelleiras de Promoción Económica, Ana Paz, e Deportes,m Susana Señorís, entregaron os premios. Lía Gómez acadou o premio da categoría macro, Lorena Vieites o da categoría artística e Lavanda Wiliams, o de paisaxe.

Exposicións e información medioambiental  
Durante toda a xornada, puidéronse visitar mostras de plantas e maquinaria. Houbo unha demostración de uso de maquinaria forestal e ADEGA e PEFC – Galicia ofreceron información sobre programas de compostaxe e certificación de madeira.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia:  "La Festa da Natureza conmemoró en Tapia el Día del Medio Ambiente "

Actuación de Colt 45

Multimedia

  • Roteiro Val dos Pasos
  • Xornada de iniciación ao piragüismo
  • Enconto intercultural
  • Entrega de premios Enfoca Ames
  • Exposición Enfoca Ames ]
  • Xogos tradicionais
  • Encontro Intercultural
  • Xogos tradicionais
  • Festa da natureza
  • Festa da natureza
  • Encontro Intercultural