Pestanas principais

A festa chega a Piñeiro

Sábado, 20 de agosto de 2011

[20-08-2011] A Comisión de Festas de Piñeiro ten preparada unha gran celebración para todos e todas as amienses. As orquestras Trole e Samba serán as encargadas de poñer o ritmo nestes tres días de festa, sábado, domingo e luns, nos que se honrará á virxe do Carme, ao Sagrado Sacramento e a San Roque. Unhas festas onde haberá música para bailar e divertirse, así como varios actos relixiosos.

As festas en Ames durante este verán non teñen fin. Nesta ocasión tócalle a quenda aos veciños e veciñas da parroquia de Piñeiro. Os actos festivos comezan este sábado, 20 de agosto, cunha misa rezada ás 9:00 h da mañá, e coa misa cantada, ás 13:00 horas, en honor á virxe do Carme. Na sesión vermú tocará a Orquestra Trole que repetirá ás once da noite na verbena.

O domingo 21 a festa irá na honra do Sagrado Sacramento, que terá a súa misa solemne cantada polo coro de Piñeiro ás 13:00 h do mediodía. A sesión vermú estará amenizada pola Orquestra Samba. O luns 22 as festas chegarán ao seu fin con dúas misas: unha ás 12:00 do mediodía e outra cantada tamén polo coro de Piñeiro ás 13:00 horas, en honra a San Roque.

Dende a comisión de festas de Piñeiro agradecen a participación de todos aqueles veciños e empresas que coa súa colaboración fixeron posible a realización das festas e invitan a que os e as amienses non falten ningún día a este evento festivo no que o divertimento estará asegurado.