[15-06-2016] O sábado, 2 de xullo, o persoal das escolas infantís pode participar no Obradoiro Alí de recursos en galego para a educación infantil. O prazo de inscrición permanecerá aberto até o día 23 de xuño; a matrícula é gratuíta. O obradoiro desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Está dirixido ao persoal das escolas infantís de Ames de 0 a 3 anos que desexen aprender e descubrir novas ferramentas e recursos para enriquecer a aprendizaxe do seu alumnado.
O obradoiro “Alí” enmárcase dentro do programa Apego-http://apego.gal/-, unha iniciativa para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial na que participa Ames xunto con outros 22 concellos galegos. Esta actividade ofrécelle ao persoal das escolas infantís a posibilidade de acceder a novas ferramentas, moitas delas dispoñibles na rede e de acceso libre e gratuíto, pero pouco empregadas por descoñecidas. Materiais, ferramentas, recursos na rede, actividades, xogos, contos, música, dinámicas para aplicar na aula, intercambio de experiencias son algunhas das actividades que se sucederán o sábado ,2 de xullo, no pazo da Peregrina.
Coñecer os recursos educativos existentes, saber onde atopalos e como traballar con eles para fomentar tamén nas aulas o uso do galego como vehículo para que nenas e nenos poidan apropiarse do mundo na súa lingua, expresando os seus sentimentos, pensamentos e emocións; aprendendo de xeito lúdico e sen prexuízos son os obxectivos deste curso.
Este taller, organizado polos departamentos de Educación e de Normalización Lingüística, está dirixido tanto ao persoal das escolas infantís públicas como privadas, aínda que o persoal das EIM A Madalena e O Bosque terán preferencia para acceder a unha das 25 prazas existentes. A inscrición realizarase enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal que inclúa: nome, apelidos, teléfono de contacto, escola na que se traballa e posto que se desempeña.
Para obter máis información ou aclarar dúbidas pódese chamar teléfono 662 377 215 ou enviar un correo ao enderezo anterior. Ao rematar o curso achegarase acreditación de asistencia con indicación do número de horas e dos contidos do curso.




