Pestanas principais

A Federación Autismo Galicia coloca 70 pictogramas sobre o funcionamento do Centro de Saúde do Milladoiro

Sábado, 22 de outubro de 2016

[22-10-2016] A Federación Autismo Galicia ven de colocar 70 pictogramas no Centro de Saúde do Milladoiro esta semana. As persoas que acudan ao centro atoparán imaxes indicando onde se atopan as distintas consultas- a da matrona, pediatría- os servizos, ou o funcionamento do centro. Con esta iniciativa búscase axudar a superar as barreiras cognitivas que afrontan persoas con dificultades cognitivas, como aquelas diagnosticadas cun Trastorno de Espectro de Autismo (TEA), ou, por exemplo, estranxeiras que non lean con fluidez os idiomas galego ou castelán.

O Centro de Saúde do Milladoiro súmase esta semana ás decenas de institucións públicas que xa contan con sinalización e instrucións a través de pictogramas. A Federación Autismo Galicia é a impulsora da colocación de máis de 1500 pictogramas por toda Galicia. Estas imaxes empréganse como unha ferramenta de comunicación para aquelas persoas con dificultades cognitivas, como as diagnosticadas con TEA, facilitando en poucas olladas a comprensión do medio no que se atopan.

No caso do centro de saúde os pictogramas mostran a disposición das consultas, indican onde se atopa a sala da matrona, do ou da pediatra, ou a consulta médica. Ademais sinala os servizos ou explica de xeito claro o funcionamento das consultas. Con esta medida quérese superar unhas barreiras, as cognitivas, máis difíciles de detectar que “as barreiras físicas, que son mías doadas de percibir”.

Dende Autismo Galicia tratan de derrubar, precisamente, este tipo de dificultades, partindo de espazos públicos que todas e todos empregamos. Estes pictogramas poden servir de axuda non só a persoas diagnosticadas con TEA senón, por exemplo, a aquelas estranxeiras que non lean ou falen con fluidez o galego ou o castelán, ou persoas maiores con dificultades para a lectura.

A Federación Autismo Galicia
En 1995 nace da agrupación de 11 entidades diferentes a Federación Autismo Galicia. Todas estas entidades prestaban servizos a persoas con Trastornos de Espectro de Autismo e ás súas familias, buscando mellorar a súa calidade de vida.

A Federación reclama que as persoas con TEA “teñen dereito a participar na sociedade en igualdade de condicións ao resto das persoas”, polo que solicitan “os apoios necesarios” para logralo. A colocación de pictogramas en institucións públicos e unha das iniciativas que veñen levando a cabo nos últimos anos. Ademais de ofrecer información e documentación sobre o autismo imparten charlas, organizan actividades de ocio e respiro familiar adaptadas para persoas con TEA ou formación específica para a súa inserción laboral.