[10-06-2016] Este sábado 11 de xuño 17 rapazas e rapaces de Ames competirán na categoría rexional do Campionato Galego de Patinaxe Artística. O evento desenvolverase no Pavillón do Milladoiro entre as 10:00 e as 14:00 e a partir das 17:00 horas. Esta ase conta coa participación de 79 patinadores e patinadoras de categorías dende a benxamín até a absoluta.
O club amesán CPA Omega organiza este sábado a fase rexional do Campionato Galego de Patinaxe Artística. Nel participan 12 patinadoras do CPA Omega e 5 do Club de Patinaxe Sarela, ambos amesáns. Pola mañá sairán á pista os patinadores e patinadoras das categorías absoluta (máis de 16 anos), cadete (entre 14 e 15 anos) e benxamín (menos de 9 anos). Xa pola tarde é a quenda dos e das deportistas das categorías alevín (10-11 anos) e infantil (12-13 anos). Ao longo da xornada os e as patinadores executarán varias coreografías.
Por orde de idade participarán 12 participantes da categoría benxamín feminina, das que seis pertencen ao club anfitrión: Alicia Lariño, Marta Lariño, Claudia Villar, Irene Enríquez, Yanira Gómez e Carolina Lema. Na categoría alevín participan 1 patinador e 13 patinadoras, entre elas Lara Rodríguez e Idara Pensado pertencen ao CPA Omega. Na categoría infantil compiten 26 deportistas, Alyssa Vidal Miriam Villaverde, Yomara Ferreiro, e Diana Cantorna fano polo CPA Omega e Andrea Rodríguez e Clara Zaballa fano polo Club de Patinaxe Sarela. Na categoría cadete feminino participan 18 rapazas; nesta categoría Icía Vázquez representará ao Club de Patinaxe Sarela. Finalmente, na categoría absoluta, compiten 2 rapaces na masculina e 5 na feminina; Mar Vázquez, faráo polo Club de Patinaxe Sarela. Un patinador e unha patinadora do CP Alquimia executarán un exercicio en parella.




