[19-12-2016] Pais e nais do alumnado da EMMA cantarán unha panxoliña co Coro da escola na actuación de Nadal que está prevista para este martes, 20 de decembro, ás 19:30h, na Aula 10 do Centro de usos Múltiples de Aldea Nova. Ademais do coro, intervirán no evento os alumnos e alumnas de Guitarra e de Linguaxe Musical. O concerto de Nadal da Escola Municipal de Música enmárcase dentro de plan didáctico que inclúe actuacións periódicas encamiñadas a que o alumnado amose os seus avances e perda o medo a actuar en directo.
Ao redor de 50 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música participarán na actuación. O obxectivo é mostrarlle á familia, ás amizades e aos compañeiros e compañeiras o traballo que fixeron ao longo deste primeiro trimestre de curso.
“Precisamente faise nas propias instalacións de Aldea Nova onde se localiza a Escola para que lles sexa máis doado asistir ao resto dos compañeiros e compañeiras”, manifesta Almudena Caamaño, coordinadora da EMMA. “Tamén se pretende con estas actuacións que os alumnos e alumnas superen os nervios e os medos que provoca unha actuación e directo e se acostumen a estar con naturalidade enriba dun escenario”, engade Caamaño.
O programa do concerto inclúe a interpretación de dúas panxoliñas, Todos xuntos imos a Belén e Hacia Belén va unha burra, a cargo dos alumnos e alumnas de dous cursos de Linguaxe Musical. O alumnado de guitarra interpretará Noite de Paz e os nenos e nenas do coro cantarán Los peces en el río e Paz na terra. Na primeira destas panxoliñas contarán con acompañamento de guitarra e na segunda participarán algúns pais e nais que quixeron sumarse coas súas voces a esta celebración de Nadal.
Está previsto que a actuación comece ás 19:30 do martes 20 de decembro, e que dure ao redor de media hora. Tamén se prevé que o resto dos alumnos e alumnas da Escola e os seus familiares e amigos acudan ao festival como público. Ademais, calquera persoa que o desexe pode acudir a compartir coa EMMA esta celebración de Nadal.




