[08-07-2016] Este sábado, 9 de xullo, familias de Teo e de Ames montarán un posto no mercadillo de Bertamiráns. Nel venderán roupa de segunda man, rifas e outros obxectos para recadar cartos para o programa “Vacacións en Paz” da Asociación Solidariedade Galega do Pobo Saharauí. A asociación precisa recadar 45.000 euros antes do 15 de xullo para traer a Galicia a 325 nenas e nenos saharauís e evitar a suspensión do programa.
O Concello de Ames colabora unha vez máis coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, á que cede un posto no mercado que se celebra cada sábado no núcleo urbano de Bertamiráns. As familias que se encargarán do posto queren conseguir, a contrarreloxo, fondos para axudar a recadar os 45.000 euros que precisa a asociación para poñer en marcha o seu programa Vacacións en Paz. De non conseguirse os cartos as nenas e nenos non poderán viaxar. O programa suspenderíase por primeira vez dende a súa creación en 1991. A asociación explicou que a aerolínea á que lle mercan os billetes solicitou, por primeira vez, o pago de todos eles por adiantado. Ao non ter recibido as subvencións de todos os Concellos que participan coa asociación esta non pode cubrir o gasto.
Asociación Galega do Pobo Saharauí xa pediu un préstamo bancario para cubrir parte dos cartos que precisa, que son en total 145.000 euros. Este préstamo foi realizado con cargo ás axudas que percibirá de distintos Concellos no momento no que o programa finalice. O resto deberá conseguilo a través de vendas de rifas, sorteos ou postos como o que haberá en Bertamiráns. Este ano seis familias amesás acollerían a nenas e nenos do campamento de Tinduf, en Alxeria, durante os meses de xullo e agosto.





