[31-01-2012] O Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Coma o de Ames, son moitos os concellos de toda Galicia que colaboran con esta boa causa e este ano traerán dous avións cheos de nenos e nenas que poderán pasar o verán na nosa comunidade. Con todo, familias de acollida a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí están organizando numerosos actos por toda Galicia para poder traer un terceiro avión e igualar así a cifra de nenos e nenas saharauís que viñeron o ano pasado.
As familias de acollida dos concellos de Ames, Santiago, Brión, Negreira e Val do Dubra organizaron unha cea para recadar fondos e conseguir traer no verán a Galicia uns 80 nenos e nenas saharauís. A cea será o próximo día 4 de febreiro no restaurante Balboa de Santiago de Compostela ás 21:30 horas. O prezo da cea para os adultos é de 25 euros mentres que para os nenos é de 10 euros. A recadación irá destinada ao financiamento dos billetes dos nenos saharauís que veñen a Galicia da man do Programa Vacacións en Paz. Para asistir á cea pódese contactar con Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí no teléfono 609 76 49 45.
O Concello de Ames asinou de novo este ano un convenio coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto de 2012 virán ao concello tres nenos saharauís. Dúas familias de acollida repiten a experiencia e para outra das familias será a primeira vez que reciban un neno saharauí.
A concelleira amiense de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, Dolores Fernández, fai un chamamento para que todos os que poidan que se acheguen a esa cea xa que "axudando entre todos podemos conseguir un gran sorriso nos nenos e nenas saharauís e abrir unha nova ventá no mundo para eles".
A crise humanitaria que se vive nos campamentos dos que proceden os nenos é cada vez maior, de aí xorde a iniciativa de intentar incrementar o número de menores saharauís que poidan acollerse ao programa que os trae a Galicia.




