Pestanas principais

As familias amesás de acollida recibiron esta semana aos nenos e nenas saharauís do programa “Vacacións en Paz”

Luns, 18 de xullo de 2016

[18-07-2016] Esta fin de semana as nenas e nenos do programa Educación en Paz, da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), chegaron ás súas casas de acollida. Dos 325 nenas e nenos que aterraron en Santiago de Compostela procedentes do campamento de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, cinco pasarán dous meses con familias do concello de Ames. Esta semana comezarán cos recoñecementos médicos e a vindeira visitarán a radio municipal para falar da súa experiencia.


O programa “Vacacións en Paz” trae cada verán a nenas e nenos saharauís do campamento de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, a Galicia, para que pasen os meses de xullo e agosto con familias galegas. As administracións locais, como o Concello de Ames, participan sufragando os billetes de avión de ida e volta destes rapaces e rapazas, que contan entre 6 e 13 anos.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta fin de semana aos nenas e nenas cuxas familias de acollida viven nos concellos de Ames, Brión, Negreira, Santiago de Compostela e Teo. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e o técnico municipal Leonardo Pena acudiron, respectivamente, o sábado 16 e o domingo 17 para recibilos. Esther Ybarra, a delegada na comarca da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, foi a encargada de achegarse en autobús até o Milladoiro para axudar ás familias a recoller aos nenos e nenas.

Agora, explica a delegada da SOGAPS, “as nenas e nenos serán levados aos centros de saúde, para un recoñecemento médico”. O obxectivo é detectar calquera problema de saúde que poidan ter, se é preciso algunha clase de tratamento e axudar a mellorar o seu estado de saúde durante a súa estancia en Galicia. Os Centros de Saúde de Bertamiráns e do Milladoiro recibirán estes días ás familias de acollida amesás.

Os delegados como Esther axudan ás familias e prepáranas para os meses de acollida: “Estamos dispoñibles para elas en caso de xurdir calquera tipo de dúbida ou problema”. O día 30 de xullo, conta a delegada, “faremos unha comida en Padrón á que están convidadas todas as familias galegas que participan neste programa”. Ademais, explica Esther, “os cinco nenos e nenas que pasarán as súas vacacións en Ames visitarán a radio municipal para falar da súa experiencia”. Se ben dous dos rapaces xa viñeran a Galicia o ano pasado co programa “Vacacións en Paz” é a primeira estancia para o resto.

A concelleira Luísa Feijóo mostrouse moi satisfeita e engadiu que "aínda que somos conscientes de que esta non é a solución aos problemas do Sáhara,  o noso Concello seguirá aportando o seu pequeno grao de area para que polo menos nestes dous meses de verán estes nenos e nenas poidan gozar  dunhas vacacións cas súas familias de acollida".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La campaña de Vacaciones en Paz en Ames logra la acogida de 5 saharauis"