[17-05-2016] Este venres, 20 de maio, chega á Casa da Cultura do Milladoiro a obra “Falar sen cancelas” da produtora Culturactiva SCG. Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei forman o elenco desta peza teatral dirixida por Diego Rei. O espectáculo comezará ás 21:00 horas e as entradas xa se poden mercar de forma anticipada na Billeteira electrónica que está dispoñible na web municipal.
Os galegos e galegas contan con múltiples e distintas formas de explicar que unha persoa fala sen ter moita idea do que di. Un falar por falar. Desas que falan sen ir ao conto. Ou que, como di outro recoñecido refrán, falan sen cancelas. Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei soben ao escenario do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 20 de maio, para demostrar a súa habilidade á hora de botar parrafadas.
Mestra e mestres do xogar coas palabras, doutorados en humor e con sendas carreiras adicadas ao teatro e a facer rir aos demais, os tres artistas xúntanse nesta obra na que elas, as verbas son as protagonistas.
Dirixida por Diego Rei “Falar sen cancelas” mestura maxia, clown e xogos de improvisación. Brandariz, Risco e Rei sacan toda a súa experiencia e o seu bo facer, demostrando o ben que se entenden despois de anos cruzándose nos escenarios.
As entradas para este espectáculo teñen un prezo de 5 euros, as xerais, e 2,5 euros a reducida. Poden mercar entrada a prezo reducido as persoas maiores de 65 anos, menores de 12 anos ou os e as estudantes con carné. As entradas para a obra estarán á venda na Billeteira electrónica ata dúas horas antes do comezo do espectáculo. A partir das 20:00 horas poderanse mercar as entradas na propia Casa da Cultura do Milladoiro.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Llega mañana la obra teatral <Falar sen cancelas>"




