Pestanas principais

A exposición “Á violencia de xénero... dille NON” permanecerá no IES de Milladoiro ata as vacacións de Nadal

Mércores, 06 de decembro de 2017

[06-12-2017] A exposición, que está composta por unha ducia de láminas, mostra diferentes situacións de violencia vinculadas ao control, á manipulación, ao abuso, á sextorsión e á chantaxe emocional. Dirixida á mocidade, o seu obxectivo principal é que as mozas, e tamén os mozos, aprendan a identificar condutas tóxicas en parella e teñan ferramentas para rebelarse contra elas. “Á violencia de xénero... dille NON” permanecerá no IES do Milladoiro ata o remate das aulas deste trimestre.

“Este é un tema que non podemos deixar limitado a unha data concreta. A desigualdade entre homes e mulleres, e nomeadamente a violencia machista, é unha problemática que se debe tratar nos centros de ensino durante todo o curso. No IES do Milladoiro traballamos fondamente cuestións ligadas á igualdade e ao bo trato, a través de obradoiros realizados en colaboración con distintas entidades. Neste caso, a exposición “Á violencia de xénero... dille NON” axudaranos a tratar as violencias máis sutís que se poden dar dentro da parella”, afirma a vicedirectora do centro, Marta Gende.

Expostos nos arredores da biblioteca do IES do Milladoiro, os paneis, cuxo deseño se aproxima á banda deseñada, abordan actitudes machistas como o control a través das redes sociais, a manipulación, os celos, a humillación, o abuso, a chantaxe emocional ou a sextorsión. A exposición ten como obxectivo concienciar á mocidade sobre as consecuencias negativas que os estereotipos de xénero poden ter nalgunhas relacións de parella. Por esta razón, os paneis presentan unha linguaxe clara que apela a mocidade de maneira directa. Ao longo destes días, o alumando do centro traballará estes contidos, mediante a realización de diferentes actividades didácticas deseñadas en función da idade de cada grupo, que no caso das xeracións máis vellas incluiránun cuestionario a partir do cal debater os contidos de cada panel. 

“Á violencia de xénero... dille NON” permanecerá no instituto do Milladoiro ata a chegada das vacacións de Nadal. Do mesmo xeito, as familias ou persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo esta exposición poderán visualizala online a través da páxina web do instituto durante os próximos días. Esta exposición é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade, que foi solicitada a través do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), como parte da programación deseñada pola Concellería de Igualdade con motivo das actuacións do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destaca a importancia de investir en formación e prevención para tentar erradicar as violencias machistas da nosa sociedade. “Todas as formas de violencia de xénero teñen o mesmo sustento: os estereotipos e os mitos enganosos que moitas veces críamos xa superados e que, desgraciadamente, a poboación máis nova segue a reproducir de maneira preocupante. Por este motivo, desde o Concello de Ames cremos fundamental promover este tipo de actividades entre a xente moza, xa que elas e eles son o futuro”.

O 25N no IES do Milladoiro
O instituto do Milladoiro organizou dous obradoiros, co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrou o pasado 25 de novembro. Un destes obradoiros realizouse en colaboración con Agareso, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Nel abordouse unha reflexión crítica dos estereotipos do amor romántico, a través do uso das novas tecnoloxías e coa realización de memes con mensaxes contrarias ás violencias machistas. O segundo dos obradoiros, que se realizou en colaboración co Centro de Información á Muller de Ames (CIM), tratou sobre a importancia do consentimento nas relacións sexuais.

Así mesmo, o alumnado de bacharelato do IES do Milladoiro realizou un acto conmemorativo o propio 25 de novembro, que consistiu nunha lectura de textos no Paseo da Igualdade. Alén diso, a biblioteca do centro xunto coa biblioteca do IES O Mosteirón, en Sada, realizou unha exposición na que se recolleron notas necrolóxicas co nome de todas as mulleres asasinadas no que vai de 2017. Nesta ocasión, tamén se levou a cabo unha unidade didáctica específica, para levar ao alumnado a ler eses nome e a reflexionar sobre a lacra que representa na nosa sociedade a violencia machista. Por último, as actividades incluídas nas conmemoracións do 25N acolleron a realización da campaña “Damos a cara contra a violencia”. A iniciativa consistiu en fotografar ao alumnado co lema da campaña “En negro contra as violencias” co que se sentise máis identificado. As fotografías pódense ver na propia web do centro.