[19-11-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta tarde a inauguración da exposición de fotos do ‘Proxecto Miradas’, impulsado pola Fundación Down Compostela. O proxecto expositivo ten como obxectivo sensibilizar á sociedade e demostrar que entre as persoas con e sen discapacidade son moitas máis as semellanzas que as diferenzas.
Ao acto asistiron, o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín; o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, e Carla Lojo, membro de Down Compostela e protagonista dalgunhas imaxes. Ademais, o acto contou, entre outros, coa asistencia das concelleiras da Corporacion amiense Susana Mayo, Pilar Candocia e Isabel Gonzalez.
A exposición de fotografías poderá visitarse na Casa da Cultura do 19 ao 30 de novembro, nun horario de 09,00 a 22,00 horas de luns a venres. Na fin de semana, os sábados estará aberta ao público entre as 11,00 e as 14,00 horas da mañá e as 16,00 e as 22,00 horas. Os domingos, o horario será de 16,00 a 22 horas. O proxecto Miradas é unha iniciativa da Fundación Down Compostela para amosar o día a día das persoas con Síndrome de Down. Nela colaboran os fotógrafos Cristina de Middel, Óscar Dacosta, Moncho Rivadulla, Rafa Pasadas e Luís Díaz, quenes nunha serie de fotografías amosan a súa particular forma de mirar ás persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual a través de cinco temáticas diferentes: Autonomía, Aficións, Actividades da Fundación, Música e Vida en Parella.
En total, a exposición Miradas está formada por 27 fotografías, en tamaño 30x45 centímetros e agrupadas nas cinco temáticas que conforman o proxecto do mesmo nome que puxo en marcha este ano a Fundación Down Compostela. Ademais da mostra fotográfica, esta iniciativa inclúe tamén a edición do calendario 2013 e dunha campaña de comunicación para sensibilizar á sociedade e recadar fondos.




