Pestanas principais

A exposición Ilusións ópticas continúa aberta ao público en Bertamiráns durante a fin de semana en horario de mañá e tarde

Venres, 21 de decembro de 2012

[21-12-2012] O Pazo da Peregrina acolle desde o pasado luns, 17 de decembro, a exposición de Ilusións ópticas, unha das actividades máis novidosas que se inclúen este ano dentro da programación da campaña de Nadal do Concello de Ames e que está organizada pola Concellaría de Promoción Económica. Esta campaña, que leva como lema Este Nadal Ames regala ilusión, pretende atraer público e incentivar as compras no sector comercial amiense. Esta exposición continúa aberta ao público en Bertamiráns durante a fin de semana en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas. A partir do día 26 de decembro trasladarase ao Milladoiro, ao local número 1 da rúa Viorneira que foi cedido por José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións.

A exposición Ilusións ópticas que organizou a concellaría de Promoción Económica dentro da campaña de Nadal está sendo todo un éxito. Ao longo desta semana máis de 1.000 rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames realizaron visitas guiadas e gratuítas a esta mostra. O Mago Romarís, creador desta exposición, foi un dos encargados de guiar ao alumnado pola mostra e explicoulles as diferentes ilusións ópticas que compoñen a mesma. As visitas do alumnado remataron esta mañá coa participación de 270 nenos e nenas do CEIP Agro do Muíño.

A todos aqueles alumnos/as de Primaria que non puideron participar nestas visitas programadas e gratuítas o concello entregoulles convites para que poidan asistir acompañados dos seus pais e nais. Ante a imposibilidade de incluír nestas visitas ao alumnado das catro escolas unitarias que existen no Concello, tamén se lles fixeron chegar invitacións.

A exposición de Ilusións ópticas continúa en Bertamiráns
A exposición continuará aberta ao público durante esta tarde e o fin de semana (sábado e domingo) en Bertamiráns. Poderase visitar no Pazo da Peregrina en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas. Posteriormente, trasladarase ao Milladoiro a partir da próxima semana. Nesta localidade os días de visita serán entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro (excepto os días 31 de decembro e o 1 de xaneiro), en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas.

No Milladoiro estará exposta no local 1 da rúa Viorneira cedido de forma gratuíta pola Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar. O Concello de Ames agradécelle especialmente ao seu presidente, José Manuel Fernández, a súa boa disposición e xenerosa colaboración para que a exposición de Ilusións ópticas recale no Milladoiro.

Todos aqueles amienses que queiran gozar destas ilusións ópticas, baseadas na fantasía e na percepción, poderán facelo presentando un ticket de compra de calquera establecemento comercial de Ames por importe de 10 euros. En caso de non presentar o recibo de comprar deberán abonar 2 euros na entrada. Estes importes permiten o acceso dunha persoa adulta ou de dous nenos/as de ata 12 anos.

Esta exposición contará coa presenza de profesionais da maxia, que interactuando co público, explicaranlle as diferentes percepcións e trucos de ilusión durante as visitas guiadas que durarán arredor de 45 minutos. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia e que está composta por máis de 50 ilusións.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A exposición Ilusións ópticas continúa aberta ao público en Bertamiráns durante a fin de semana en horario de mañá e tarde"