Pestanas principais

A exposición "Galegas coma ti" pódese visitar desde hoxe na praza da Maía de Bertamiráns

Venres, 15 de abril de 2016

[15-04-2016] Tralo seu paso polo praza Manuel Murguía do Milladoiro a exposición "Galegas coma ti", contra o racismo, chega hoxe á Praza da Maía de Bertamiráns. A instalación manterase nesta praza até o domingo 24 deste mes. Os seus 12 paneis retratan a persoas migrantes que viven hoxe en Galicia, acompañadas por persoas recoñecidas do ámbito cultural galego; unha mensaxe de acollida e de benvida que quere impactar na conciencia dos veciños e veciñas. O proxecto foi deseñado pola ONG Viraventos e nel colaboran a Deputación da Coruña e Gadis

A ONG Viraventos, coa axuda da Deputación da Coruña distribuíu os paneis por distintos concellos da provincia, para que estes a coloquen nas súas prazas. Os textos que acompañan as imaxes, tomadas polo fotógrafo galego Xurxo Lobato, queren chamar a atención aos que se achegan a lelos acerca da importancia de dar a benvida e acompañar ás persoas migrantes na súa chegada a Galicia. Na toma destas imaxes participaron o escritor Manolo Rivas; o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso; a gaiteira Susana Seivane; as actrices Isabel Risco e Lucía Regueiro; a xornalista Fernanda Tabarés; o cineasta e cantante Antón Reixa; e o presidente do Deportivo, Tino Fernández. Senegal, Rumanía, Marrocos, Cuba e Bolivia son os países de procedencia da poboación inmigrante representada.

Os escritos da exposición "Galegas coma ti" reflexionan acerca da importancia de respectar a cultura dos que chegan á nosa terra e da riqueza que a súa visión nos pode aportar; así como do respecto que debe imperar nas aulas, nas que cada vez máis alumnos e alumnas cunha herdanza cultural provinte de distintos recunchos do mundo convive día a día.

"Galegas coma ti" quere recordar tamén aos galegos e galegas os movementos migratorios que, dende fai moitas décadas e aínda a día de hoxe, parten das nosas costas. Cada unha das xeracións que viven hoxe en Galicia están marcadas pola migración, polo que a exposición quere apelar tamén ao sentimento de empatía cara persoas que chegan aquí coas mesmas esperanzas coas que chegaron os nosos antepasados a Arxentina, Venezuela, Alemaña ou Suíza.

A ONG Viraventos naceu no ano 2007 e oito anos despois 2015 organizou xunto coa ONG SOS Racismo Galicia unha campaña publicitaria para o Día Internacional contra o Racismo. A boa acollida deste proxecto desembocou este ano no nacemento da exposición "Galegas coma ti".



Contido relacionado


El Correo Gallego:"A praza da Maía recolle os doce paneis da mostra Galegas coma ti ata o 24"