Pestanas principais

A exposición de Ilusións ópticas recibiu preto de 2.000 visitas

Martes, 08 de xaneiro de 2013

[08-01-2013] Baixo o lema “Este Nadal Ames regala ilusión”, o Concello de Ames organizou unha exposición de Ilusións ópticas, unha das actividades máis novidosas que se incluíron este ano dentro da programación da campaña de Nadal, que organizou a concellaría de Promoción Económica. Esta campaña pretendeu atraer público e incentivar as compras no sector comercial amiense. A exposición estivo aberta ao público dende o 17 de decembro de 2012 ata o 4 de xaneiro de 2013 nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. Entre o 17 e o 21 de decembro pasaron polo Pazo da Peregrina máis de 1.000 rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames para visitar esta exposición. Ademais, no que respecta ao público en xeral, preto de 800 visitaron esta mostra presentando unha invitación, un ticket dun establecemento comercial de Ames ou pagando a entrada que tiña un custo de dous euros. Polo tanto, o cómputo final alcanza case as 2.000 visitas a esta exposición.

Unha vez rematadas as festa de Nadal toca facer balance das actuacións que se realizaron dende a concellaría de Promoción Económica. Unha das novidades que se incluíron dentro da programación comercial de Nadal foi a exposición de Ilusións ópticas. Foi a primeira vez que se fixo unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións.

Esta campaña pretendeu conxugar o comercio e a ilusión dos nenos coas festas de Nadal e o consumo en Ames. Esta mostra estivo aberta ao público en xeral e ao alumnado dos colexios amienses. Dende a concellaría de Promoción Económica organizáronse unha serie de visitas que foron guiadas e gratuítas para o alumnado de Educación Primaria, que está escolarizado nos centros de ensino de Ames.

Entre o 17 e o 23 de decembro esta mostra estivo exposta no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En horario escolar, de a luns a venres, coincidindo coa última semana lectiva antes das vacacións de Nadal, máis de 1.000 rapaces e rapazas de educación primaria dos centros de ensino de Ames pasaron polo Pazo da Peregrina para visitar esta exposición. A todos aqueles alumnos/as que non puideron participar nestas visitas programadas o concello entregoulles convites para que puideran asistir acompañados dos seus pais e nais. Entre as 17:00 h e as 21:00 horas a exposición estivo aberta ao público en xeral.

A continuación, a mostra trasladouse ao Milladoiro onde estivo exposta entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro (excepto os días 31 de decembro e o 1 de xaneiro). Nesta localidade instalouse no local 1 da rúa Viorneira cedido de forma gratuíta pola Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar. O Concello de Ames agradécelle especialmente aos seu presidente, José Manuel Fernández, a cesión deste local para poder expoñer a mostra de ilusións ópticas no Milladoiro.

Ademais dos máis de 1.000 nenos e nenas dos centros escolares que pasaron por esta exposición, preto de 800 persoas visitaron a mostra durante os 15 días que estivo instalada tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Isto dá unha media de 53 visitas por día. Debullando este datos, pódese dicir que 400 adultos e 1.550 nenos/as acudiron á mostra. Dos 1.550 rapaces e rapazas que viron a exposición, 1.465 tiñan entre 6 e 12 anos e 85 tiñan menos de 6 anos. Os días de maior afluencia foron o 22 e 23 de decembro con 108 e 138 visitas, respectivamente.

A maioría das persoas que acudiron a esta exposición presentaron un ticket dalgún establecemento comercial de Ames por importe de 10 euros. Presentáronse tickets de establecementos tan variados como ferreterías, floristerías, roupa, calzado, supermercados, tendas de informática, estancos, cafeterías, etc. Isto permitía o acceso dunha persoa adulta ou de dous nenos/as de ata 12 anos. Aínda así houbo persoas que pagaron a entrada, que tiña un custo de 2 euros, para poder acceder a mostra.

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, salientou que “esta exposición tivo unha grande aceptación entre a veciñanza amiense. Tanto ás persoas adultas coma aos nenos e nenas gustoulles moito. Nas enquisas que se realizaron detectouse que moitas persoas viron a mostra varias veces. Isto é unha clara mostra de que esta exposición gustou moito. Ademais, o profesorado dos centros de ensino tamén nos expresaron a súa satisfacción por esta actividade na que participou a maioría do alumnado de primaria escolarizado en Ames”.

“Outro exemplo de que esta iniciativa tivo unha grande repercusión foi que varios medios de comunicación se interesaron por ela. Dende canles de televisión, emisoras de radio e medios escritos emitiron varias novas sobre esta exposición de ilusión ópticas. Isto serviu para publicitar aínda máis a mostra. Nas enquisas que se realizaron detectouse que as persoas que acudiron a esta exposición decatáronse dela a través da páxina web municipal, dos medios de comunicación e da campaña publicitaria que se fixo”, engadiu Bernardo Moar.

Ilusións nos Escaparates
Ademais, dentro da programación da campaña de Nadal, que organizou a concellaría de Promoción Económica, desenvolveuse a iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se puxo a disposición dos comerciantes amienses unha ilusión óptica no escaparate do seu establecemento. Os establecementos comerciais que participaron nesta iniciativa foron a Pastelería – bombonería Miguel Ángel, Top Digital distribuidor autorizado Vodafone e TNT Tatoo, situados no Milladoiro, e Patagonia, as librerías Boas e Novas e Lenda, e La Cesta Natural, de Bertamiráns.

Por outra banda, o vindeiro luns 14 de xaneiro reunirase o xurado do VII Concurso de Escaparates Concello de Ames para elixir os tres mellores escaparates do concello. Neste concurso participan un total de 29 establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro.

Este concurso esta dotado coa cesión de espazos publicitarios na radio municipal durante un mes consecutivo para os tres primeiros clasificados. Ademais, entregaranse os seguintes premios en metálico: un primeiro premio de 800 euros; un segundo de 600 e un terceiro de 400 euros.

Servizo de Ludoteca

O Concello de Ames puxo en marcha, un ano máis, o servizo de ludoteca de Nadal por medio da concellaría de Promoción Económica. Este servizo tivo o obxectivo de facilitarlles as compras aos papás e mamás amesáns, mentres os seus fillos/as se divertían e aprendían xogando con outros nenos/as. Nesta ocasión foron 161 rapaces e rapazas de entre 2 e 12 anos as que participaron nesta iniciativa. En Bertamiráns participaron un total de 66 nenos/as e no Milladoiro acudiron a este servizo 95 rapaces e rapazas.

Os centros de ocio "Educalia" de Bertamiráns e "O Bosque Animado" do Milladoiro foron os encargados de proporcionar este servizo os venres 14, 21 e 28 de decembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas, e o sábado 5 de xaneiro, de 11:00 a 14:00 horas. En Bertamiráns os días de maior afluencia foron os venres 21 e 28 de decembro, mentres que no Milladoiro os días de maior afluencia foron o venres 28 de decembro e o sábado 5 de xaneiro.