Pestanas principais

A exposición da IV Edición do Premio de Banda Deseñada Castelao estará en Ames do 25 de marzo ao 13 de abril

Sábado, 26 de marzo de 2011

[26-03-2011] Unha exposición que recolle aspectos variados da obra gañadora da IV edición do concurso de banda deseñada organizado pola Deputación da Coruña en 2008 e da que foi gañador o pintor e ilustrador Mariano Casas Gil coa obra "Mensaxes". A mostra poderá visitarse do 25 de marzo ao 13 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro. A obra narra como unha parella pasa as súas últimas horas de vida narrando coa linguaxe da banda deseñada o que lles está a pasar.

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá dende o 25 de marzo e ata o 13 de abril unha mostra da obra gráfica premiada na IV Edición do Premio Banda Deseñada Castelao que se celebrou en 2008 e da que saíu gañador o pintor e ilustrador Mariano Casas Gil coa obra "Mensaxes", que relata a situación límite dunha parella que decide narrar en clave de banda deseñada o que lles está a suceder nas súas últimas horas de vida. Na visita poderán ter acceso directo ao contido completo da mostra mediante 14 paneis expositores nos que se recolle toda a obra.

O xurado da cuarta edición deste premio, que tivo como comisario ao prestixioso autor Miguelanxo Prado, outorgoulle a Casas Gil o galardón por elaborar "un magnífico libro que narra unha historia asentada nun guión de insólita solidez e unha proposta formal sinxela e eficaz que, nun orixinal artificio metalingüístico, xoga un papel decisivo na narración".

Historia

Mentres o sol se está achegando a unha Terra que ferve de calor despois de que os mares secaran, un home e unha muller permanecen agochados no soto dunha imprenta. Fóronse refuxiar alí cando a temperatura estaba a cen graos e subindo un grao cada día. Serán as súas últimas horas de vida, pois logo de dúas semanas xa non lles queda comida nin auga, polo que el adícase a debuxar no ordenador un cómic que sexa testemuña futura dese tempo, porque as iconas son intelixibles máis alá dos idiomas e a banda deseñada será a arte que sobrevivirá para contar o presente. Ela pídelle que deixe tamén testemuña da súa historia para que perdure e el retrátaos no seu estar pechados, cando a sede fai que ela beba a tinta azul, logo el a tinta amarela, logo os dous a maxenta, quedando só a negra para imprimir os debuxos.

E como antes de saíren quere deixar debuxado o final, co sangue dunha vea fai os trazos vermellos que se acaban convertendo nun fío vermello lonxano.

Cunha técnica plástica que recorre a diferentes linguaxes e un manexo das cores que estimula a tensión narrativa, ademais da convivencia estilística entre os planos con texto e as imaxes illadas, resulta unha obra sorprendente e moi suxestiva.