Pestanas principais

A exposición contra a discriminación racial "Galegas coma ti" xa se pode visitar na praza Manuel Murguía do Milladoiro

Luns, 04 de abril de 2016

[04-04-2016] A praza Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle dende hoxe e ata o día 10 de abril a exposición "Galegas coma ti", contra a discriminación racial. O proxecto foi deseñado pola ONG Viraventos e nel colaboran a Deputación da Coruña e Gadis.. Consiste na colocación dunha serie de paneis en prazas centrais ou rúas de distintos concellos da provincia da Coruña, cuxos textos e fotografías queren concienciar á veciñanza que se pare a contemplalos acerca da importancia da integración das persoas migrantes que chegan a Galicia. A praza Manuel Murguía, no Milladoiro, e a praza da Maía, de Bertamiráns, son as localizacións seleccionadas en Ames. AS fotografías foron realizadas polo fotógrafo Xurxo Lobato.


Entre os días 4 e 10 de abril a veciñanza do Milladoiro terá a oportunidade de achegarse á praza Manuel Murguía. Entre o 11 e o 17 de abril a exposición trasladarase á praza da Maía, en Bertamiráns. As persoas que a visiten poderán mergullarse nos distintos paneis distribuídos pola praza.

As fotografías da colección "Galegas coma ti" mostran a imaxe de persoas migradas a Galicia e de figuras recoñecidas do ámbito cultural galego, que os reciben con xesto de benvida. Os textos que acompañan as fotografías falan non só da importancia da integración das persoas migrantes, cuxos futuras fillas e fillos formarán parte de novas xeración de galegos e galegas e herdarán a cultura das súas familias, dos seus países de orixe, así como a propia de Galicia. Na toma destas imaxes participaron o escritor Manolo Rivas; o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso; a gaiteira Susana Seivane; as actrices Isabel Risco e Lucía Regueiro; a xornalista Fernanda Tabarés; o cineasta e cantante Antón Reixa; e o presidente do Deportivo, Tino Fernández. Senegal, Rumanía, Marrocos, Cuba e Bolivia son os paises de procedencia da poboación inmigrante representada.

Viraventos quere facer reflexionar aos visitantes das exposicións acerca do pasado e presente migrante de Galicia. Un pasado no que moitos galegos e galegas viviron tanto episodios e minusvaloración ou xenofobia como de acollida e aceptación. Viraventos pídelle á veciñanza que se achegue ás prazas de Manuel Murguía e da Maía, para concienciarse da importancia que ten a integración das persoas migrantes, e proclaman a total igualdade de dereitos de todas as persoas.

As fotografía e os textos serán difundidas paralelamente a través das redes sociais, do Facebook (facebook.com/ongviraventos) e do Twitter @ONGViraventos.

A ONG Viraventos naceu no ano 2007, como organización independente sen ánimo de lucro. No 2015 organizou unha campaña publicitaria para o Día Internacional contra o Racismo en asociación coa ONG SOS Racismo Galicia, que se celebra cada ano o día 21 de marzo. O obxectivo da campaña era a promoción na sociedade galega "dunha actitude de acollida e respecto pola diversidade, baseadas na comprensión do fenómeno migratorio". A boa acollida deste proxecto desembocou, no 2016, no nacemento da exposición "Galegas coma ti".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Muestra contra la discriminación racial en Ames"