Pestanas principais

Exitosa convocatoria de programas de radio cidadá, cun total de vinte propostas presentadas

Martes, 31 de xullo de 2018

[31-07-2018] Dar a coñecer a xeografía, as artes e a historia local, afondar na divulgación e coñecementos científicos, poñer en valor a diversidade cultural e social, falar de libros, de educación, de benestar e de vida saudable, crear espazos de debate para a comunidade educativa, dar resposta a trámites para inmigrantes e estranxeiros, reflexar a importancia do protocolo e dar conta da actualidade deportiva de Ames son algúns dos obxectivos que se agochan tralas propostas presentadas á segunda convocatoria que a Radio Municipal fixo co obxectivo de abrir o espectro das ondas á entidades, asociacións e particulares. Os técnicos da emisora avaliarán agora as vinte propostas que despois examinará o Consello Asesor da Radio. Está previsto que os novos programas comecen a emitirse no mes de setembro.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Comunicación, volve dar a oportunidade á veciñanza de presentar os seus propios proxectos de programas de radio, para realizar en Ames Radio entre setembro e decembro deste ano. O prazo de presentación rematou o pasado 9 de xullo. Presentáronse vinte propostas, algunhas elaboradas por distintos colectivos e asociacións e outras firmadas por cidadáns particulares. A relación dos proxectos presentados pode consultarse xa na sección de Avisos nesta web. Posteriormente, será o persoal técnico da emisora quen emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio, acerca de todos os proxectos recibidos.

Ames Radio será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas. Malia que a emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, procurarase respectar as propostas de emisión dos proxectos seleccionados. O obxectivo principal desta convocatoria é achegar a radio á veciñanza, de maneira que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio do seu interese. Ames Radio acreditará a participación de todas as persoas colaboradoras mediante un diploma.

Novas propostas
Compre salientar que dos vinte proxectos presentados, cinco repiten en relación á primeira convocatoria: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo e Pais na Onda. Quince son as novas propostas que se presentaron nesta segunda convocatoria, con gran diversidade de temas como a ciencia, deporte, actualidade, eventos musicais, tradición, arte, cultura ou saúde. Na sección de Avisos desta páxina web pódese ver a listaxe das propostas e o fío condutor das mesmas. Unha vez que o Consello Asesor da Radio ditamine a viabilidade dos proxectos, o persoal da radio Municipal orientará técnicamente aos colaboradores sobre o modo de presentar e realizar as propostas. Está previsto que os novos programas comecen a gravarse no mes de setembro para a súa emisión.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Exitosa convocatoria de programas de radio cidadá, cun total de vinte propostas presentadas"