[18-09-2017] O pasado sábado, 16 de setembro, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organizou unha ampla oferta de actividades para conmemorar o Día do Deporte. Destas actividades participaron preto de 1.000 persoas de todas as idades que, entre as 11:00h e as 19:00 horas dese día, na área deportiva do Milladoiro, tiveron a oportunidade de probar 20 modalidades deportivas diferentes, entre as que se incluíron baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, piragüismo, patinaxe, zumba e atletismo. Ademais, todas as persoas participantes recibiron un tícket para un sorteo de agasallos.
O Concello de Ames continúa a apostar na promoción do deporte, ao entendelo como unha actividade lúdica e mental que mellora substancialmente a vida de quen o practica. Por este motivo, desde a Concellaría de Deportes, ofrecéuselle á veciñanza amesá a oportunidade de probar diferentes deportes para, finalmente, poder decantarse por un. Así, entre as 11:00h e as 14:00h e entre as 16:00h e as 19:00 horas deste sábado, as veciñas e veciños de Ames puideron gozar de 20 actividades deportivas diferentes, axeitadas para todos os gustos.
Pola mañá, entre as 11:00h e as 14:00 horas, as persoas participantes puideron practicar spinning, step, zumba, body combat e pilates no aparcadoiro da Casa da Cultura. No mesmo horario, na entrada do instituto do Milladoiro, desenvolvéronse xincanas ciclistas e houbo un inchable. Pola súa banda, na piscina houbo piragüismo e na zona verde, a carón da piscina, realizáronse actividades de tiro con arco (que se repetiu pola tarde, debido ao seu notable éxito) e un torneo de chave. Tamén de mañá, puidéronse practicar baloncesto e judo no interior do pavillón municipal. Nunha das pistas exteriores houbo exhibicións de tenis.

A pausa para comer durou dúas horas, entre as 14:00h e as 16:00 horas. A seguir, e ata as 19:00 horas, continuaron a desenvolverse as actividades de spinning, step, zumba, body combat e pilates no aparcadoiro da Casa da Cultura; cross training, xadrez e inchables na entrada do instituto; piragüismo na piscina; atletismo na zona verde próxima á piscina; patinaxe no interior do pavillón municipal; e voleibol e fútbol sala nas pistas deportivas exteriores. No total, foron 6 horas chegas de deporte das que participaron 11 clubs distintos. A este Día do Deporte tamén contribuíron, coa súa colaboración, a Policía Local de Ames e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Ademais, todas as persoas asistentes recibiron un tícket para participar nun sorteo de agasallos. Cantas máis actividades se realizaban, máis posibilidades existín de conseguir un dos numerosos agasallos. O sorteo realizouse ás 19:30 horas, após a finalización de todas as actividades, deixando 25 agasallos repartidos entre as 965 persoas anotadas.









