Pestanas principais

Éxito dos deportistas amesáns Paula e Manuel Blanco no III Open de Laredo de kickboxing

Luns, 20 de febreiro de 2023

O pasado sábado 11 de febreiro tivo lugar o III Open Nacional Villa de Laredo de kickboxing, a primeira parada da liga Last Round 2023, na que participaron os amesáns Paula e Manuel Blanco, que competiron en distintas modalidades logrando unha destacada actuación e acadando o podio en diversas categorías.

A comunidade autónoma de Cantabria acolleu o pasado fin de semana o torneo Open Nacional de kickboxing, dentro da liga Last Round. Unha das participantes dos distintos encontros que se disputaron foi a amesá Paula Blanco, que competiu en oito combates diferentes, dentro das modalidades de pointfighting e light contact.

En total, Blanco logrou catro ouros, unha prata e un bronce. Fíxose coa primeira posición no combate GrandChampion lightcontact -65 quilos, no pointfighting -55 quilos e -60 quilos e light contact -55 quilos. Así mesmo, acadou a segunda posición no light contact -60 quilos, e a terceira no GrandChampion pointfighting.

Ademais, no evento, a deportista recibiu o trofeo de mellor competidora light contact -60 quilos da liga Last Round 2022. O premio súmase ao galardón que recibiu o pasado 17 de decembro na XV Gala do Deporte de Ames, e que a sitúa como a mellor deportista do Concello.

O seu irmán pequeno, Manuel Blanco, tamén participou no encontro, e tras realizar varios combates logrou alzarse coa medalla de ouro na categoría de pointfighting cadete menor -37 quilos e a de prata en light contact cadete menor -37 quilos.

Manuel e Paula Blanco, no III Open Nacional Villa de Laredo de kickboxing

Multimedia

  • Éxito dos deportistas amesáns Paula e Manuel Blanco no III Open de Laredo de kickboxing
  • Éxito dos deportistas amesáns Paula e Manuel Blanco no III Open de Laredo de kickboxing