Pestanas principais

Éxito de público no XI Festival de Maxia do Concello de Ames con máis de 3.500 participantes

Mércores, 30 de novembro de 2016

[30-11-2016] A décimo primeira edición do Festival de Maxia do Concello de Ames, que se desenvolveu dende o luns 21 ata o domingo 27 de novembro, tivo unha gran afluencia de público. Arredor de 800 persoas asistiron ao espectáculo de maxia infantil do prestixioso mago Rafa e aos tres pases que se realizaron da Gala Máxica Internacional. Ademais, 45 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos puideron participar nos obradoiros de maxia e 2.823 alumnos/as acudiron aos espectáculos de maxia programados para os centros de ensino. Este festival estivo organizado polo Concello de Ames e contou coa colaboración da Deputación da Coruña.


Gala Máxica Internacional
A principal actividade do XI Festival de Maxia de Ames foi a Gala Máxica Internacional. Ao igual que o ano pasado houbo tres pases da gala máxica internacional aos que puideron acudir preto de 600 persoas. Esta gala, que estivo dirixida ao todos os públicos, foi presentada e dirixida polo mago Rafa e contou coa participación dos magos David Macc, Jorge Prieto, Olga Maslovska, Dani Polo e Héctor Sansegundo. Deste espectáculo cómpre destacar o número feito pola mago Dani Polo, que encheu o escenario de paraugas de diversas cores, e que deixou coa boca aberta a todos os espectadores.

Esta gala celebrouse o sábado 26 no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, onde houbo dúas funcións, a primeira ás 17:30 h e a segunda ás 20:30 horas, completando un aforo de 216 butacas por función. No Milladoiro foi o domingo 27 de novembro, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Neste caso tamén se completou o aforo de 146 butacas.

Ademais, o sábado 26 en Bertamiráns e o domingo 27 no Milladoiro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, impartiuse un obradoiro de maxia a cargo dos magos Dani García e Noel. Nesta actividade, que estivo dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, participaron arredor de 45 rapaces e rapazas (20 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro).

A programación deste ano comezou o luns 21 de novembro nos centros de ensino amesáns. Dende o 21 ata o 25 os colexios e institutos, que teñen alumnado de terceiro de infantil ata terceiro da ESO, acolleron distintos espectáculos de pequeno formato, unipersoais a cargo dos magos Dani García e Noel. Deste xeito, 2.823 alumnos/as dos CEIP A Maía, Barouta, Agro do Muíño, do CEP de Ventín, da EEI Milladoiro, das escolas unitarias A Tarroeira e Covas, do colexio Alca e do IES de Ames puideron gozar da actuación destes dous ilusionistas.

As actividades do festival de maxia continuaron o venres 25, na Casa da Cultura de Bertamiráns, cun espectáculo de maxia infantil, para nenos/as de 0 a 6 anos, a cargo do prestixioso mago Rafa. Esta foi unha das principais novidades desta edición do festival. Este espectáculo tivo unha gran acollida entre o público infantil que encheu o auditorio do centro sociocultural de Bertamiráns. Tanto nenos/as como adultos pasaron unha entretida tarde vendo os diferentes trucos do mago Rafa.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “o Festival de Maxia de Ames xa é un evento consolidado na programación cultural de outono, como quedou demostrado unha vez máis, co gran éxito de participación de público que tivo. Ao longo dunha semana tanto nenos/as coma adultos gozaron coas diferentes actividades programadas. Este ano como novidades houbo un espectáculo infantil para nenos e nenas de 0 a 6 anos que tamén se encadra dentro da programación infantil con Apego que promove a Concellaría de Normalización Lingüística”.