Pestanas principais

Éxito de público na clausura do obradoiro de baile e música tradicional do Concello de Ames

Luns, 17 de xuño de 2013

[17-06-2013] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este domingo a clausura do obradoiro de baile e música tradicional. Neste evento, que resultou ser todo un éxito de público e ao que asistiron a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, participaron os grupos de baile e música dos Castros e do Concello de Ames. O obradoiro estivo xestionado pola Asociación Cultural Os Castros e nel os participantes asistiron a clases de baile, gaita, pandeireta, percusión e punteiro. As clases impartíronse dende o pasado mes de outubro nos centros socioculturais de Bugallido, Biduído, Trasmonte e na Casa Cultura de Bertamiráns.

Na segunda parte tocou a escola de gaitas dos Castros, que interpretou o Primeiro Pasodobre e o Pasacorredoiras de Cacheiras. Despois volveron bailar os membros do grupo dos Castros e do Concello, que bailaron a xota de Vila de Cruces, a muiñeira de Peregrina, a muiñeira de Pradela e a xota de Boado. O acto de clausura finalizou coa Banda de gaitas dos Castros, que tocou a rumba de Carcacía e o pasodobre Pasacorredoiril co que o público saíu a bailar. Remataron co himno de Galicia.

O Concello de Ames e a Asociación Cultural Os Castros, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Papelería Chavián, organizaron para o domingo o Festival de fin de curso do obradoiro de baile e música tradicional 2012-2013.  Ao acto tamén asistiron os concelleiros non adscritos Pilar Candocia e Alfonso Rey. O acto estivo divido en dúas partes. Na primeira actuaron a escola de gaitas dos Castros e do Concello, que tocou a muiñeira do Molete e a muiñeira de Lugo. A continuación interviron o grupo de baile dos Castros e do Concello que bailaron a xota de Santiago, a muiñeira da Fonte, a muiñeira Ribeirana, a muiñeira Pisadoira e a muiñeira de Lañas.