[22-04-2015] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ames organiza este sábado un curso gratuíto de dinamizador infantil. O elevado número de inscricións –máis de cen– propiciou a celebración dunha nova edición o vindeiro sábado 9 de maio. Con todo, só se poderán cubrir as 25 prazas para cada sesión, que corresponden a persoas empadroadas no municipio amesán.
O curso estará impartido por persoal dunha escola de tempo libre e nel
os participantes adquirirán unha formación específica en técnicas de animación e entretemento para o tempo de lecer dos nenos: xogos, decoración, globoflexia, maquillaxe ou manualidades.
O perfil dos participantes é moi heteroxéneo. Para uns será o primeiro contacto con esta temática e a outros serviralles para complementar a súa formación de monitor ou educador infantil. Dende o departamento de Xuventude sinalan que un dos seus principais obxectivos é apostar pola formación dos mozos en materia de ocio e tempo libre, atendendo ás múltiples saídas laborais que ofrece este campo.
A actividade, que comezará ás 10:00 horas, terá lugar no centro municipal de usos múltiples –Rúa da Ribeira, 64 C,– da urbanización Aldea Nova. Ao remate do curso os participantes recibirán un diploma.