Pestanas principais

Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames

Luns, 25 de abril de 2022

Este domingo 24 de abril celebrouse a primeira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, un evento organizado pola Concellaría de Deportes e Xesta Natureza. Persoas das catro provincias galegas achegáronse ata Bertamiráns para gozar dunha xornada na que se puxeron a proba a técnica e a capacidade de orientación das participantes. Conseguiron os mellores tempos o grupo Os de Cee 2, na categoría “Xestiñas”; no nivel intermedio, “Xestas”, impúxose o grupo AD Montebrondo, mentres que na categoría de maior dificultade, “Xesteiras”, rexistrou o mellor tempo Miguel. Preme aquí para consultar os resultados ao completo da I Carreira de Orientación do Concello de Ames.

O Concello de Ames celebrou este domingo a súa I Carreira de Orientación, unha proba que se disputou en Bertamiráns, nos arredores da súa área deportiva. Unhas 180 persoas de toda Galicia se inscribiron no evento, no que deportistas de diferentes niveis e idades competiron contra o reloxo para completar os percorridos das diferentes categorías (“Xestiñas”, “Xestas” e “Xesteiras”) no menor tempo posible.

Miguel, na categoría de maior dificultade, “Xesteiras”, rexistrou o mellor tempo da xornada, conseguindo unha marca de 31:38 no trazado máis longo e técnico, que superou os cinco quilómetros. Acompañárono nas posicións de honra Olalla, cun tempo de 33:24, e Alberto, que rematou en 34:48.

Na categoría intermedia, “Xestas”, impúxose o grupo AD Montebrondo, que rematou o percorrido de menos de catro quilómetros en 42:56. A apenas dous segundos cruzou a última baliza o grupo Os da Horta, que conseguiron un 42:58. Finalmente, en terceiro lugar rematou Nelson Villar, cun 43:27.

Por último, na categoría “Xestiñas”, destinada a nenos e nenas e cun trazado por debaixo dos tres quilómetros, o grupo Os de Cee 2 levou a vitoria, marcando un 35:58. Ademais, foron acompañados e acompañadas no segundo posto do grupo Os de Cee, que rexistraron un tempo de 37:10. Pecharon o podio os Chirimbolos, que marcaron un 37:26.

Unha carreira de orientación é unha competición individual, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible, pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. No caso deste evento, que se desenvolveu na mañá de este domingo, as persoas participantes contaron cunha tarxeta electrónica para ir rexistrando o seu paso polas balizas do percorrido, que deberon completar en orde.

Uns 50 nenos e nenas inscribíronse na categoría “Xestiñas”, a máis sinxela física e tecnicamente. Na categoría “Xestas”, a de dificultade intermedia, rexistráronse 95 persoas. Por último, na categoría de maior dificultade, “Xesteiras”, apuntáronse 35 persoas, nunha proba máis esixente a nivel físico.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, gabou os niveis de participación na que foi a  estrea da proba, e destacou o traballo realizado para ofrecer actividades diversas e variadas. “Dende a Concellaría de Deportes intentamos ofertar novas disciplinas deportivas e actividades, apostando por propostas que sexan atractivas para todos os públicos, dende os máis pequenos ata as persoas adultas. Quero aproveitar para agradecer e destacar a implicación da veciñanza en cada nova actividade que propoñemos, esta é a primeira vez que facemos esta carreira e notamos unha gran aceptación”.

Preme aquí para consultar os resultados ao completo da I Carreira de Orientación do Concello de Ames.

Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames

Multimedia

  • Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames
  • Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames
  • Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames
  • Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames
  • Éxito de participación na primeira carreira de orientación do Concello de Ames