Pestanas principais

Éxito de participación na II Andaina e Carreira da Familia de Ames

Luns, 24 de setembro de 2018

[24-09-2018] Arredor dunhas 200 persoas achegáronse este sábado, 22 de setembro, ao Milladoiro para participar na segunda Andaina e Carreira da Familia de Ames. Así, ao longo da tarde, os/as participantes puideron gozar dunhas horas cheas de música, actividades e xogos para os máis cativos. O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición e venta de rifas e pulseiras, será destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).

Por segundo ano consecutivo, organizouse unha nova edición da Andaina e Carreira da Familia, unha actividade benéfica coa que se busca impulsar o traballo de ASANOG e facilitar que todos aqueles que o desexen poidan colaborar coa asociación a través dun acto lúdico e festivo. Así, o percorrido escollido para este ano, de tres q quilómetros de lonxitude, foi seleccionado co obxectivo de que puidesen participar todos os membros da familia.

A xornada comezou ás 17.00 horas, coa entrega dos dorsais e bolsas regalo aos inscritos, nun ambiente festivo amenizado por música, animación e baile. De seguido, sobre as 18.00 horas, tivo lugar unha sesión de quecemento en grupo que deu comezo á carreira-andaina. Asemade, ao longo de toda a tarde tamén houbo actividades lúdicas para as familias que participaron na carreira ou se achegaron ata o aparcamento da Travesía do Porto, así como inchables e xogos para os nenos e nenas.

Para rematar, arredor das 20:00 horas realizouse o sorteo de agasallos e, a continuación, fíxose a entrega de premios, nas categorías familia máis numerosa, avoa ou avó de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia monoparental, á primeira familia de tres, de catro e á primeira de cinco.

Recadación para ASANOG
O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición, será destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), que tamén montou unha carpa o propio día da carreira para que todas as persoas que quixeran puideran facer unha achega a través do Dorsal 0.

ASANOG é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en 2012 por iniciativa de un grupo de familias que tiñan ou tiveran algún neno con cáncer. De esta maneira, o seu obxectivo non é outro que o de contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "200 persoas participaron na II Andaina e Carreira da Familia de Ames"