Pestanas principais

Éxito de participación na charla-coloquio sobre as cláusulas chan e os gastos hipotecarios que impartiron os técnicos da UCGAL

Xoves, 12 de xaneiro de 2017

[12-01-2017] O salón de plenos da Casa do Concello quedou pequeno para acoller este pasado mércores a xornada informativa sobre as cláusulas chan e os gastos hipotecarios, que impartiron os técnicos da Unión de Consumidores de Galicia. Esta actividade centrouse en axudar á veciñanza amesá a despexar as súas dúbidas sobre as cláusulas chan e o impacto que a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente.

Trala sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), o número de consultas sobre as cláusulas chan aumentou e dende a UCGAL, practicamente todos os día, atenden a persoas consumidoras que buscan información e asesoramento. Co obxectivo de despexar ás dubidas da veciñanza dende a Unión de Consumidores de Galicia están organizando unha serie de charlas baixo o título Que podo facer ante unha cláusula chan? A primeira xornada informativa sobre este tema impartiuse este pasado mércores en Bertamiráns cun gran éxito de participación por parte da cidadanía amesá.

Esta primeira xornada informativa pretendía achegar á veciñanza información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan e as opcións que teñen as persoas afectadas por esta fraude masiva. Máis de setenta persoas asistiron á xornada. Esta xornada informativa é a primeira dunha serie de actividades que a UCGAL desenvolverá nos vindeiros meses para achegar á cidadanía información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan e as opcións que teñen as persoas afectadas por esta fraude masiva.

A charla foi impartida polo secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, o avogado Félix Caramés Blanco, e a avogada Ana Daorden Porto, que responderon a todas as dúbidas e inquedanzas plantexadas polos veciños e veciñas. Asemade, por parte do goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González. Tamén asistiu o técnico municipal, Jorge Couñago.

Consultas individualizadas de cada caso
Debido ao grande interese que espertou este tema entre os veciños e veciñas de Ames, dende o Concello e a UCGAL indican que é preciso solicitar cita previa para que cada persoa poida acudir ás oficinas que ten a Unión Galega de Consumidores tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.

Deste xeito, os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Tamén se pode pode chamar para solicitar información e pedir cita previa ao número de teléfono 662 13 03 12.