[25-02-2016] Este domingo, 28 de febreiro, Ames acollerá a primeira etapa do circuíto Trail Galaica. O prazo de inscrición para tomar parte nesta proba rematou onte á media noite. En total 227 homes e mulleres inscribíronse nesta proba que comeza na Ponte Maceira e remata nas instalacións do Real Aero Club de Santiago, na Ameixenda. Esta será a primeira carreira dun circuíto que levará a amantes do atletismo e da natureza a percorrer, ao longo de varios meses, sete concellos diferentes, cada un dos cales acollerá unha etapa.
A meirande parte dos inscritos e inscritas corren de forma individual, sen adscribirse a un club, aínda que tamén se apuntaron á proba amesá 77 corredores en equipos e pertencentes a clubs. Moitos destes clubs e equipos achéganse dende concellos da contorna amesá, como Negreira, Santiago de Compostela e Teo, e sete dos corredores son veciños e veciñas de Ames. Non obstante esta carreira contará tamén con participantes chegados de distintos puntos das catro provincias galegas, como Pontevedra, o Barco de Valdeorras ou Vilalba.
Nesta etapa poden participar todos os e as deportistas maiores de 18 anos ou que os cumpran o mesmo día da etapa. Os e as corredores serán divididos por categorías segundo a súa idade e sexo; podendo competir de forma individual ou formando equipos. O custe da inscrición é de 14 euros por persoa.
Esta primeira etapa ten un percorrido de preto de 20 quilómetros, habendo dous postos de avituallamento ao longo da proba e un máis na meta. Os participantes contarán con servizo de duchas e dun fisioterapeuta. Ás 8:30 horas sairán autobuses dende o Real Aero Club de Santiago para levar ás e aos corredores ata a liña de saída, situada na Ponte Maceira.
Trala entrega de premios, prevista para as 13:30 horas, o Real Aero Club de Santiago ofrece aos corredores un menú nas súas instalacións por un prezo de 15 euros por persoa. O menú consiste nun cocido, unha sobremesa e café. Para o xantar é necesaria a reserva previa, que se pode facer chamando ao teléfono 981 888 276, pechándose o prazo de reserva este venres, 26 de febreiro, ás 14:00 horas.




