[05-06-2017] Este domingo, 4 de xuño, disputouse o XXXVI Trofeo de fútbol Concello de Ames 2017 no campo municipal do Milladoiro. Este ano decidiuse xuntar todo o torneo nun mesmo día. A primeira semifinal entre o Agrón CF e mailo Milladoiro SD rematou co resultado de 1-2, mentres que na segunda semifinal o Bertamiráns FC impúxose ao Biduído SR por 3 goles a 1. Na final o Bertamiráns gañoulle ao Milladoiro SD por 4-2, revalidando o título conseguido na pasada edición. Ademais, aproveitouse este evento deportivo para estrear as novas gradas do campo de fútbol do Milladoiro e para entregarlle ao Agrón CF o trofeo de campión de liga de terceira autonómica.
Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amesá posto que xa se organizaron trinta e seis edicións. Neste torneo participaron todos os equipos federados de Ames que teñen equipo sénior. Este ano foron catro os equipos que participaron nesta competición (CF Agrón, Biduído SR, Bertamiráns FC e mailo Milladoiro SD, que se creou esta temporada). Dito torneo disputouse no campo de fútbol municipal do Milladoiro.
Nesta edición do Trofeo de fútbol optouse por xuntar toda a competición nun mesmo día. Deste xeito, en cada partido xogáronse dúas partes de 25 minutos. A primeira semifinal entre o Agrón CF e mailo Milladoiro SD rematou co resultado de 1-2, mentres que na segunda semifinal o Bertamiráns FC impúxose ao Biduído SR por 3 goles a 1. Na final o Bertamiráns gañoulle ao Milladoiro SD por 4-2, revalidando o título conseguido na pasada edición.
Ademais, aproveitouse este evento deportivo para entregarlle ao Agrón CF o trofeo de campión de liga de terceira autonómica. O Agrón CF quedou campión do grupo 5 e polo tanto ascende a segunda autonómica. Tamén cómpre salientar que se estrearon as novas gradas do campo de fútbol do Milladoiro.
Novas gradas do campo de fútbol do Milladoiro
Estas gradas están situadas nun lateral do campo de fútbol. A superficie da construción en planta ocupa 163,43 metros cadrados. Para acceder ás gradas habilitouse unha entrada específica sen que sexa necesario entrar no terreo de xogo. Para iso construíuse unha rampla de acceso polo lateral do campo. Deste xeito, existen tres puntos de acceso: un para que os xogadores/as e o/a arbitro accedan aos vestiarios, outro para entrar no terreo de xogo e un terceiro para acceder ás gradas.
Na actualidade, os espazos baleiros que quedan debaixo das gradas dedicaranse a almacén, pero no futuro segundo explica o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, “a idea que temos é dedicar estes espazos á construción de catro vestiarios e dúas zonas de duchas compartidas entre os vestiarios existentes. Para iso, previamente, haberá que dotar de rede de abastecemento de auga e saneamento, así como de electricidade a ditas gradas. Ademais, temos que buscar unha partida de financiamento para poder executar estes vestiarios”.









