Pestanas principais

Estragan parte da sinalización da Ruta do Apego e da Ruta das Fragas do Tambre

Luns, 04 de outubro de 2021

Estes días tívose constancia da desaparición de parte da sinalización da Ruta do Apego e da Ruta das Fragas do Tambre, situadas na parroquia de Lens. Desde o Concello interpúxose a correspondente denuncia para que se investiguen estes feitos vandálicos e para que a persoa ou persoas responsables asuman  as sancións que se estimen pertinentes.

Esta semana constatouse, grazas ao aviso de veciñanza da zona e de persoas que visitaban ambas as rutas, que un acto vandálico estragara parte da sinalización da Ruta do Apego e da Ruta das Fragas do Tambre. Desapareceron  a frecha que marcaba o inicio da Ruta do Apego, oito indicadores con topónimos do lugar e con imaxes de flora e fauna e catro balizas sinalizadoras da Ruta das Fragas do Tambre. Todos estes elementos estaban situados na parroquia de Lens, concretamente no tramo que vai desde o inicio da Ruta Apego ata a Pedra de Xan Gómez.

Este feito, á parte de ser un atentado tan grave como incomprensible contra o patrimonio público, propiedade de todas as veciñas e veciños, pode implicar incomodidade para as persoas que visiten ambas as rutas dado que a sinalización está incompleta e cómpre ir con coidado para non perderse. Desde o Concello agradécese a colaboración das persoas que informaron dos estragos detectados e faise un chamamento á veciñanza para que traslade calquera información que poida ter destes feitos tanto ao propio Concello como ás autoridades.

Toda a sinalización estragada repoñerase na máxima brevidade posible. Ademais,  incrementaranse as medidas se seguridade para que estes actos vandálicos non se repitan e para que ambas as dúas rutas volvan estar completas e a disposición de toda a veciñanza e de quen queira visitalas.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Destrozan señales en la Ruta do Apego y Ruta das Fragas do Tambre"

El Correo Galego: "Investigan la desaparición de señalización en Apego y As Fragas do Tambre"

 

Destrozos Ruta do Apego

Multimedia

  • Destrozos Ruta do Apego
  • Destrozos Ruta do Apego
  • Destrozos Ruta do Apego