[10-03-2016] O Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, informa de que este venres, 11 de marzo, en horario de 15:00 a 21:00 horas, e o sábado 12 de marzo, de 8:00 a 21:00 horas, quedará cortada ao tráfico a estrada que une os lugares de Outeiro (Bugallido) con Costoia (Biduído) ata o termo municipal de Santiago, con motivo das obras de acondicionamento e pavimentación que se van a executar na devandita estrada. Estes traballos están sufragados a través do Plan Provincial de Obras e Servizos de 2015. Para calquera dúbida ou aclaración poden poñerse en contacto coa Policía Local de Ames chamando ao número de teléfono 619 76 75 75.
As obras vanse executar en dous treitos de 350x6,00 e 1.275x5,50 metros, así como en 300 metros cadrados de abanicos. A través deste traballos preténdese mellorar a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación das fochancas existentes e o perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Ademais, no proxecto desta obra contémplase o desbroce e limpeza de gabias e salvagabias para que se produza un correcto drenaxe. Finalmente, procederase a pintar a sinalización horizontal con liñas nas beiras da estrada, símbolos, cebreados e isletas.
Para executar estas obras é preciso cortar a estrada durante a tarde deste venres, 11 de marzo, e durante toda a xornada do sábado, 12 deste mesmo mes. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, pide desculpas “polas posibles molestias que poida ocasionar este corte de tráfico nesta estrada”, pero indica que “estas obras son necesarias para seguir mellorando as condicións nas que se atopan as estradas que discorren polos lugares do rural amesán".
Dende o Concello de Ames xa se puxeron en contacto coas empresas de autobuses Tralusa, Autobuses de Calo, Autobuses Bustelo, Rias Baixas e Tussa, para que sexan coñecedores deste corte de tráfico, xa que ofrecen servizo por estes lugares do rural amesán e durante a tarde do venres e toda a xornada do sábado non poderán circular por esta estrada.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cortes de tráfico en la vía de Outeiro a Costoia"