Pestanas principais

Estímase parcialmente a alegación presentada ante a ordenanza fiscal reguladora do IBI e apróbase de xeito definitivo a redacción de dita ordenanza

Luns, 30 de decembro de 2019

O pasado venres, 27 de decembro, convocouse para ás 16.00 horas un pleno extraordinario e urxente coa finalidade de resolver unha alegación e aprobar de xeito definitivo a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles do Concello de Ames. Ante a negativa de recoller a notificación por parte do administrativo do grupo municipal popular, tal e como se fai habitualmente, o Concello tratou de notificar nos domicilios particulares de cada membro, sen éxito. No caso dos concelleiros de Ames Novo e Ciudadanos non houbo problema. A pesares de ter o quórum requirido, desde a Alcaldía decidiuse pospoñer o Pleno para o sábado 28, de cara a ter tempo suficiente para a convocatoria. Finalmente, o pleno desenvolveuse o sábado, 28 de decembro, ás 12.00 horas, sen a asistencia dos edís do grupo municipal popular, a pesares de tres intentos de notificacións a cada un deles nos seus domicilios. Os concelleiros/as do grupo de goberno votaron a favor de estimar parcialmente a alegación e aprobar definitivamente a redacción de dita ordenanza, mentres que os concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse.

O pasado venres, 27 de decembro, convocouse un pleno extraordinario e urxente, para ás 16:00 horas, coa finalidade de resolver unha alegación presentada á aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles do Concello de Ames. A urxencia de dito pleno estaba motivada no feito de que o día 31 de decembro de 2019, como moi tarde, tiña que publicarse o texto da ordenanza modificada, co fin de que sexa aplicable a partir do día 1 de xaneiro de 2020. A alegación foi presentada o pasado día 23 de decembro no rexistro de Correos de Coruña, polo que ata o venres 27 non chegou ao Concello a primeira hora da mañá.

Intentada a notificación aos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular a mesma non foi posible, xa que o seu persoal de confianza non aceptou a notificación (como ben sendo a práctica habitual nas convocatorias de pleno e comisións informativas). Acto seguido intentouse notificar dita convocatoria nos seus domicilios particulares, pero tampouco foi posible por non atoparse ninguén nos mesmos. Aínda que os concelleiros do grupo mixto puideron ser notificados e coa presenza dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno tíñase o quórum previsto na normativa de réxime local para poder celebrar pleno, o alcalde considerou oportuno realizar novos intentos de notificación co obxectivo de intentar acadar a presenza dos concelleiros/as do grupo municipal popular.

Por dito motivo non se celebrou o pleno convocado para o venres, 27 de decembro, ás 16:00 horas, e convocouse un novo pleno coa mesma orde do día para o sábado, 28 de decembro, ás 12:00 horas. Desde o Concello fixéronse tres novos intentos de notificación, a primeira hora do venres, a última hora dese mesmo día, e ás 10.00 horas do propio sábado, sen que ningún dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular a recollesen. Deste xeito, o pleno desenvolveuse o sábado, ás 12.00 horas, sen a asistencia dos edís do grupo municipal popular, e co quórum requirido.

Finalmente, os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno votaron a favor de estimar parcialmente a alegación, ao entender que o requisito do empadroamento na bonificación do IBI das vivendas de protección pública pode ter excepcións na normativa aplicable, e aprobar definitivamente a redacción de dita ordenanza, mentres que os concelleiros de Ames Novo, Quique Costas, e de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse.

Tramitación da ordenanza fiscal reguladora do IBI
Cómpre lembrar que no pleno ordinario do pasado 31 de outubro de 2019 aprobouse de xeito provisional, cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención dos concelleiros de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e Ames Novo, Quique Costas, e co voto en contra dos edís do Partido Popular, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalación e obras (ICIO) e maila ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI).

Posteriormente, os textos das dúas ordenanzas foron publicados no BOP o 11 de novembro de 2019 e houbo un período de alegacións do 12 de novembro ata o 24 de decembro de 2019 (ambos incluídos). Durante o prazo de exposición pública, o 23 de decembro de 2019, presentouse unha alegación por parte dun veciño amesán no rexistro de Correos de Coruña. Sendo festivos os días 24 e 25, a alegación recibiuse no Concello o venres 27, ás 9:30 horas, e desde a súa entrada comezouse a realizar o informe pertinente para a súa resolución plenaria, que foi resolta no pleno extraordinario do pasado sábado.

A aprobación de dita ordenanza é importante para o Concello de Ames xa que recolle o incremento do tipo impositivo do IBI do 0,44% para os inmobles de natureza urbana ao 0,50%. Esta medida, así como a planificación do gasto e dos investimentos nos orzamentos 2019-2020, están recollidas no Plan económico- financeiro para o período 2019-2020, aprobado no pleno ordinario do pasado 26 de decembro de 2019, e permitiralle ao Concello de Ames o cumprimento da regra de gasto en ambos exercicios.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aprueba al límite una alegación parcial del IBI y el PSOE acusa al PP de boicot"

Lindeiros: "Liorta en Ames por conta da suba do IBI"

Compostela 24 horas: "Os concelleiros do PP de Ames non asistiron ao pleno extraordinario do pasado 28 de decembro"

Imaxe da sesión plenaria do venres, 27 de decembro, que finalmente se anulou

Multimedia

  • Imaxe da sesión plenaria do venres, 27 de decembro, que finalmente se anulou